Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Manxar de elites

A opinión culta de Galicia divídese en dúas tendencias. A maioritaria, entende que o monte baixo con predominio do toxo e outros vexetais non arbóreos nin leñosos é unha desgraza e que o ben reside na repoboación forestal. "Moitas árbores!" é a consigna universal que procede de Joaquín Costa e do rexeneracionismo español e chega a Castelao e aos nosos días. Eiquí a tendencia divídese en dúas subtendencias. A dominante, cre que os montes deben encherse de árbores altamente redibeis destinadas a alimentar ás fábricas de celulosa. Unha segunda tendencia, minoritaria ainda que en ascenso, ten como fin promover a plantación masiva das que chaman "especies autóctonas", sen o ser realmente. Estas derradeiras tendencias parecen aspirar á reconstrucción da primitiva selva europea, que en Galicia comenzou a ser combatida no neolítico. Finalmente estamos nós, os da tendencia minoritaria, que desexamos que os montes de Galicia se asemellen aos de Escocia. Ou sexa, que se asemellen aos da nosa nenez e aos da nenez dos nosos pais e avós.

Queremos uns montes nos que predomine o toxo e o pasto para o gado. Quero decer o seguinte: aquilo que está en conflicto son dous destinos económicos (incompatíbeis) para o monte galego. O forestalista e o gandeiro, queremos incrementar a producción de árbores ou ben a cría de cabalos, vacas, cabras, ovellas? Queremos seguir sendo unha potencia en producción de pasta de papel ou unha potencia productora de animais e de gado en estado de libertade, que é o que da a mellor e a máis cara carne destinada ao alimento humano? Os montes calvos non son unha maldición, como pensaban que o era na dictadura de Primo os fundadores de Coto Redondo e do Aloia, tal o respectado enxeñeiro Areses e como deixou refrexado Castelao nunhas páxinas pouco frecuentadas de Sempre en Galiza.

Case a metade da superficie de Galicia está a monte ou sexa non ten cultivos agrícolas nin é urbana. Esta superficie vai en aumento debido á desagrarización acelerada que estamos a padecer. Maioritariamente ese monte galego non é de propiedade individual, senón colectiva: pertence ás comunidades. Existe unha incompatibilidade entre o aproveitamento forestal deses inmensos espazos e o seu aproveitamento pastoral e gandeiro. Ás veces, a contradicción aflora en forma de cabalos mortos, con trampas e, mesmamente, a tiro polas forestalistas. Sempre se falou de incendios forestais provocados por gandeiros.

Canvén coñecer esta parte da realidade galega, especialmente nestes días nos que comezaron os curros nos montes da Groba e podemos ver en toda Galicia cos nosos ollos e mesmo participar na festa grande dos galegos que reúnen as súas bestas sen que os poderes públicos lles presten axuda. Estes gandeiros reciben diñeiros irrisorios por cabezas de gado de man duns intermediarios que levarán a carne dos nosos poldros a Italia,(vía Valencia) e outros destinos onde se convertirán en manxar de elites. E nós de parvos.

Compartir el artículo

stats