Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Catedrático de Economía Aplicada da USC

Crise do modelo e recentralización

Perdidos na pirotecnia do espectáculo político esquecemos debater como atallar as graves ameazas para o futuro do noso país e da vida das persoas que nel habitamos. A crise política e institucional do estado español estrangula o financiamento do goberno e servizos públicos de Galiza pero ao mesmo tempo está levando á prórroga do modelo de financiamento de 2009 que, de acordo coa previsión legal, debería terse reformado xa en 2014. A estas alturas aínda non se abriu formalmente a negociación do novo modelo pero o que tamén é certo que as espadas están en alto. Algunhas CCAA veñen explicitando moi claramente as súas apostas e o Goberno Central e os partidos estatais tamén evidencian a negativa a reducir o tamaño e o papel do Goberno central. Pola contra, a Xunta de Galiza segue calada, sen tomar a iniciativa e mantendo unha actitude sumisa á estratexia madrileña e resignada -ou iso parece- a encaixar novas perdas. As mensaxes de Feijóo parecen centradas en implorar compasión para que Madrid e os demais sexan benévolos e "decidan con xustiza". Non imos a ningún lado cunha actitude de esmoleiro sumiso, cando o que todos nos xogamos é o futuro da dotación dos nosos servizos públicos, o nivel de vida colectivo e a capacidade para dinamizar a nosa economía. O problema non é meramente técnico nin tampouco de relacións persoais dos dirixentes, é un problema político, no sentido máis profundo. É obvio que Galiza precisaría un presidente que se puxera á fronte dun grande consenso de todas as forzas políticas -e tamén das sociais e empresariais- para fixar un diagnóstico claro, uns obxectivos e unha estratexia partillada para defender os intereses colectivos dos galegos e galegos, nunha materia na que nos xogamos o groso dos nosos recursos para soster a sanidade, a educación, os servizos sociais e todos os demais servizos públicos. E tamén os recursos para dinamizar a nosa economía e o emprego.

O modelo de financiamento autonómico de 2009, que asinou o presidente Feijóo recén chegado á Xunta, levou a que Galiza vira mermada a súa capacidade de xeito dramático, até o punto de que cos datos liquidados de 2012 presentemos unha balanza fiscal negativa. En contra do discurso centralista dominante, o certo é que nese ano Galiza aportou ao Estado 1.300 millóns de euros máis do que recibiu. A pesares de termos unha renda per cápita 13 puntos inferior á media.

Teriamos moito que discutir sobre os criterios de reparto do Fondo total entre CCAA, que resultan discriminatorios para Galiza por non contemplar acaidamente moitas das nosas especificidades, pero o gran problema de fondo é a magnitude dos recursos que o Estado Central se queda para si, que representan cunha proporción excesiva dos ingresos totais recadados. Por algo se reserva o monopolio da xestión e recadación dos grandes impostos. Discutir iso é a clave e é xusto ao que se negan as forzas estatais.

Temos unha Administración Central excesiva que, ademais, se vén reforzando co proceso de recentralización impulsado polo PP e unhas prioridades de gasto central moi discutíbeis (militar, apoio á banca, ás eléctricas, grandes construtoras, etc.). E, sobre todo, cómpre poñer a lupa non só no gasto senón tamén nos ingresos. É aí onde se dirime a verdadeira autonomía fiscal e a asunción de responsabilidade por parte dos gobernos autónomos. Hoxe o groso da política fiscal (cos seus regalos fiscais, buratos para a evasión e a fraude) depende do goberno central e a súa xestión está en mans da Axencia Tributaria do Estado. A política fiscal e a decisión unilateral sobre a parte que se queda o goberno central para si mesmo é o que determina o tamaño da torta a repartir entre as CCAA. Aí está o nó gordiano do financiamento de Galiza e mentras non se rache seguiremos tendo un autogoberno menor de idade, insuficiente e incapaz.

Temos por diante, pois, unha enorme tarefa política na que todas as forzas galegas deberían estar comprometidas: plena autonomía fiscal para fixar os tributos, perseguir a fraude e a evasión -en colaboración con outros países- e, como instrumento para executar esa política, crear un Axencia Tributaria Galega que recade todos os tributos e que logo se negocie unha contribución a un orzamento central que estexa moi ben acotado para cubrir funcións que sexan realmente de interese xeral.

En definitiva, non debemos discutir só dos criterios de reparto do gasto entre autonomías -que tamén- senón dos ingresos públicos, da política fiscal e da xestión deses tributos. Esa é a base que nos permitiría ter capacidade para deseñar outras políticas para desenvolver as nosas capacidades produtivas, crear emprego e riqueza na dimensión necesaria para poder logo -vía impostos- financiar os nosos servizos públicos, garantir o benestar da nosa poboación e superar o noso drama demográfico.

Compartir el artículo

stats