Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Saír da toqueira

Hai cincuenta anos, o 14 de maio de 1966, produciuse en Ourense un acontecemento que estaba destinado a perpetuarse na memoria democrática e nacionalista de Galicia.

Formalmente tratábase dunha homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, quen axiña partiría para traballar na Irmandade Galega de Caracas. Tal homenaxe era sentida e xa que, naquel intre, e tamén hoxe, Celso Emilio era o poeta grande de Galicia no corazón de innumerábeis lectores.

Pero non só era iso senón tamén, naquela etapa da súa vida e da historia de Galicia, Celso era un militante e un dirixente daquela Unión do Pobo Galego que el impulsara na clandestinidade. Había grandes proxectos, aquén e alén do Atlántico, dirixidos a alancar un novo pulo no combate ao franquismo mediante unha nova alianza entre o nacionalismo do interior e o nacionalismo das comunidades galegas da América.

Pensábase en implicar os novos Padroados da Cultura Galega e o mesmo Consello de Galiza, que era fideicomisario da vontade democrática republicana que se expresara no plebiscito estatutario.

Por outra banda, todo o país estaba pendente da loita dos labregos de Castrelo e do val do Miño da zona do Ribeiro que se mobilizaban contra a expropiación forzosa das súas terras, executada de forma inxusta e violenta, para construír o encoro dunha central hidroeléctrica.

So a dirección de Lois Soto, da UPG, organizouse e celebrouse o banquete que algúns convivas quixeron irmandar co de Conxo de 1856. Houbo 250 comensais antifeixistas que seguiron con fervor as intervencións dos oradores, e están rexistradas e arquivadas 2.500 adhesións que chegaron a Galicia de todo o mundo. No grande salón, cargado de historia, do Hotel Roma de Ourense non collía nin unha persoa máis, e houbo quen non xantou e permaneceu de pé. Vibrou a concorrencia cando Emilio Álvarez Blázquez introduciu no seu discurso, coma unha lostregada, o nome prohibido de Alexandro Bóveda.

Persoas do Partido Comunista participaron no acto en boa sintonía coa UPG. Estivo ausente Ramón Piñeiro e o seu grupo atlantista e anticomunista, Marcando, como só el sabía facer, diferencias, Otero Pedrayo si que estivo no acto e calificou a actuación de Fenosa de "feudalismo" contemporáneo.

Pero Blanco Amor afinou e apresurouse a lle chamar "traición" a calquera actitude intelectual elitista, no cal abondaron outras voces. A sombra de Curros pairaba sobre as cabezas dos convivas e aquela homenaxe a Celso Emilio Ferreiro constituíu o primeiro acto público da oposición organizada en Galicia contra o réxime fascista; e foi tamén un acto unitario.

Moitas grazas a Luís Ferreiro e á Fundación Celso Emilio Ferreiro por gardaren a memoria documental deste acontecemento.

Compartir el artículo

stats