Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

A reválida fracasa de novo

O pasado 11 de maio comezaron a aplicarse en Galicia as probas de reválida para alumnos de 6º curso de E. Primaria. Un ano máis a celebración desta avaliación estivo marcada pola forte oposición de familias e profesorado. Así, as altas cifras de abstención (máis dun 50% nalgúns concellos) son un bo indicador do fracaso dunha proba que cada vez ten máis detractores. A polémica proba presenta dúas importantes tachas que merece a pena explicar para comprender mellor a súa baixa aceptación.

A primeira destas deficiencias sitúase no nivel meramente pedagóxico. A reválida propón un sistema de probas escritas no que se pretende coñecer as aptitudes do alumno a nivel lingüístico, matemático e científico, as intelixencias ás que tradicionalmente se veu prestando maior atención. Este sistema de avaliación, ademais de ofrecer unha visión sesgada do nivel do alumno ó avaliar o seu rendemento nun día e hora sinalados, ignora ademais o resto de intelixencias humanas, esas que os pedagogos referentes a nivel mundial non se cansan de sinalar como claves para a sociedade do século XXI. Refírome con isto á intelixencia emocional, á musical, ou á corporal cinestésica. Dende a consellería afánanse en dicir que o obxectivo destas probas é realizar unha diagnose do estado no que se atopa o noso sistema educativo pero, como van coñecer o estado real do noso sistema se esquecen avaliar algúns dos elementos máis fundamentais do mesmo? Esquecen por exemplo preocuparse por saber se os nosos alumnos saben traballar ou non en equipo (unha das facetas onde os mestres detectamos maiores problemas), ou se son capaces de producir respostas creativas, diferentes ás que propón o libro de texto, para un problema dado. Olvidan tamén preguntarnos como se desenvolven os rapaces na máis importante das intelixencias, a emocional, a cal lles permitirá poñerse no lugar das persoas coas que se vaian cruzando ó longo da súa vida así como resolver conflitos de forma pacífica. Esquecen preguntarnos como xestionan os nosos alumnos emocións tan complexas como a ira, a frustración ou o medo ó cambio e ó fracaso. En definitiva esquecen que, como ben dicía Aristóteles, "educar a mente sen educar o corazón non é educar en absoluto".

O segundo problema que a reválida leva asociado é o ataque implícito á labor do profesorado. Así, en lugar de escoitar o noso punto de vista e confiar no profundo coñecemento que temos dos nosos alumnos logo de estar en contacto cos eles durante cinco horas diarias, prefiren aplicar unha proba que, ademais de mal elaborada, está transmitindo á sociedade unha mensaxe de profunda desconfianza nos profesionais da educación. Non se nos permite revisar as probas con tempo, adaptalas ás características do grupo clase ou incluir novas tarefas que consideremos relevantes. En definitiva, non se nos permite realizar ben o noso traballo.

Queda claro que a reválida estase a converter nun símbolo, o símbolo do fracaso dunha administración educativa que non está á altura do cargo que ostenta.

*Mestre e veciño de Xaxán (Lalín)

Compartir el artículo

stats