Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ánxel Vence.

Crónicas galantes

Ánxel Vence

As linguas que van morrendo

País pouco pródigo en fazañas militares, non ha estrañar que Galicia dedique a súa festa máis ou menos nacional aos libros, contra o estendido costume de celebrar algún glorioso acontecemento de armas. Velaí, se cadra, a razón pola que o 17 de maio foi desprazando paseniñamente ao 25 de xullo no almanaque sentimental dos galegos.

Nesto imitámonos un chisco aos cataláns, que fan do seu Sant Jordi unha requintada festa na que se intercambian libros e flores. Aos galegos acáenos máis a lírica que a épica, como ben advertiu Álvaro Cunqueiro no seu canto a prol de mil primaveras máis para a lingua deste país.

Daba o mestre de Mondoñedo grazas á divindade por lle ter concedido o don da fala i ensinarlle a dicir rula, abidueira, dorna, ponte e fonte, xa que sabendo esas palabras él era verdadeiramente dono das pontes, das fontes, das abidueiras, das dornas e máis das rulas. Vale dicir que, para calquera cidadán do mundo, a lingua da que se nutriu na infancia é o instrumento co que toma pacífica posesión das cousas.

Infelizmente, esa riqueza está en vías de extinción -e non só en Galicia- dentro dun mundo que tende ao monolingüísmo. Cada mes desaparecen dúas linguas do mapa e, se os cálculos do National Geographic non están errados, máis da metade das 6.000 que aínda se falan no planeta serán apenas un recordo alá para finais deste século.

Seica por iso non é casual a coincidencia do Día das Letras co Día de Internet, que tamén se celebra hoxe (i é que ultimamente hai días para case todo). Nunha mesma xornada promóvese o uso dun idioma en retroceso e baixo risco de extinción, coma o galego, e a lingua franca -tamén chamada inglés- que domina as relacións globais nos negocios, nas comunicacións e, desde logo, na Rede de Redes que expande o coñecemento polo mundo adiante.

Na teoría, o inglés que permite aos seus usuarios manexarse o mesmo en Washington que en Madrid ou en Pekín podería e debería convivir coas linguas locais baixo o principio que aconsella pensar localmente e actuar globalmente. A práctica, no entanto, suxire que o galego -coma tantas outras- está deixando de ser unha lingua local, e mesmo unha lingua a secas.

O número de falantes non para de minguar ano tras ano, aínda sen ter en conta a progresiva contaminación que está a sufrir o galego, igual que outras linguas, nas súas estruturas sintácticas, prosodia e vocabulario. Peor aínda, esta que un dia foi linguaxe propia e natural das xentes do campo e dos arrabaldes urbanos anda en transo de se converter nun idioma litúrxico reservado para o uso das Academias, os Parlamentos, as Xuntas e demais institucións que adoitan escribirse con maiúsculas maxestáticas. Máis o u menos o que pasou co latín no seu proceso de conversión en lingua morta.

Non fará falla dicir que este aparente ennobrecemento do galego coincide co seu abandono polas novas xeracións urbanas que agroman tralo transvase da poboación do campo ás cidades. É así como, sen presa nin pausa, a lingua coa que os veciños deste país facían súa a abidueira, a rula e a dorna, está deixando de servirlles como instrumento de comprensión do mundo. O mesmo ocorre con centos de linguas máis, naturalmente; pero se cadra ese ha ser un parvo consolo.

A cambio temos un día festivo máis para decatármonos de que este é un país máis ben de letras que de ciencias. Algo é, desde logo.

stylename="070_TXT_inf_01">anxelvence@gmail.com

Compartir el artículo

stats