Ter só 1,5 fillos por muller é algo anormalmente baixo. Non o digo eu. Dío o Parlamento Europeo -Resolución sobre o futuro demográfico de Europa, de 21.II.2018- Iso si, vaia por diante, acúsome de eurofederalista. Cando ese ano presentei en Bruxelas "El Problema Occidental" sentín que falabamos no mesmo idioma. Chegou a crise -de feito daquela eran intervidos varios bancos belgas- e importou máis o curto prazo có longo. De tódolos xeitos, na Europa xa desenvolvida hai un consenso sobre que o déficit de nenos é un problema severo para o Estado de benestar.

De entrada convén desterrar mitos aquí instalados. É falso que nos Estados máis socialmente comprometidos non haxa problemas de fecundidade. Mellor que calquera ensaio diletante son dous pequenos vídeos daneses. Busquen en youtube "Do it for Denmark" e "Do it for Mom". Abondan 2 minutos. Dinamarca ten 1,7 fillos/muller. Segundo eles, poucos. E logo nós, con 0,9-1,1 fillos dende hai décadas? En Alemaña, país co menor desemprego xuvenil de Europa e con xenerosos pagos mensuais por fillo ata rematar a universidade, con matrículas de balde e unha chea de axudas e servizos adicionais, están xa preto de 1,5 fillos, e aínda así Merkel alerta que os fillos son o futuro -Kinder sind die Zukunft: https://www.bundeskanzlerin.de/Content/DE/Artikel/BKAngelaMerkelPolitik/angela-merkel-politik-familie.html-. Xa ten mérito na terra dos Kinderlos&binkis, xente con altos ingresos que decide non ter fillos para gozar do turismo e lecer a gusto.

En España, e tamén en Galicia, seica non hai problema, para algúns. Ogallá. Como di a CEOE, por esta vía resolveremos o problema do paro. Tamén suicidándonos todos, pero resulta desagradable. Todo se arranxará algún día con meirande competitividade, meirande inmigración, ... agás molestándonos en ser contribuíntes vitais netos, porque é duro e arriscado. Boten un ollo ao que acontece en Austria, Bélxica, Holanda... Mesmo Xapón, cos seus hikikomoris, asexuados adulescentes fillos únicos de alta renda.

Pero eu xa estou farto de laretar e dar voltas no rodicio da info-xicación seudoanalítica. Non teño que fabricar papers para subir na burocracia académica. A alternativa é o colapso do Estado social -ver en google "Proyecto Europa 2030. Retos y oportunidades"-. Prefiro o debate das solucións. Se foramos ricos como Dinamarca ou Alemaña podiamos errar coma eles, e sen dúbida melloraríamos, especialmente en Galicia, campiona mundial da infecundidade dende hai 25 anos. Pero non somos daneses nin alemáns. E postos a copiar, podiamos facelo dos mellores: Irlanda e Francia. Outra solución: inmigración. OK. A ver se non nos pasa como en Austria, Francia e Holanda, onde os traballadores manuais ven a competencia e desertan dos partidos que os forneceron de prosperidade. Apostando pola inmigración, non sería mellor vía as adopcións masivas de nenos orfos, polos cidadáns con rendas por riba da media e traballos estables? Dígoo por se queren contribuír e non só predicar. En calquera caso, o mínimo sería apostar pola xeralización do cálculo da renda media per cápita familiar para acceder a tódalas axudas e servizos públicos e codificar con gran apoio político tódalas normas de compensación á crianza. Un modelo pode verse en http://leydeimpulsodemograficodeespana.blogspot.com.es/ e máis en http://leideimpulsodemograficodegalicia.blogspot.com.es/, as dúas aliñadas coa http://estrategiademograficaeuropea.blogspot.com.es/. E se se prefire actuar no local para arranxar o global de Galicia, España ou Europa -penso en concellos como Lalín, a piques de perder a súa categoría por baixar dos 20.000 habitantes-, un modelo pode ser http://ordenanzadeimpulsodemograficolocal.blogspot.com.es/.

Nos últimos anos tiven a fortuna de coordenar unha serie de foros para o Museo do Pobo Galego, plasmados no libro "Galicia: un pobo con futuro? O noso devalo demográfico" (Xerais, 2014), onde aprendín moito de por que somos infecundos. Aprendín do persoal sanitario que escoita ás mulleres en estado; aprendín de etnógrafos que escoitan aos vellos; aprendín de sindicalistas e empresarios, que certifican que os seus propios fillos adulescentes non querían darlles netos porque preferían vivir-la-buena-vida; aprendín de nais feministas que comproban como se lles discrimina e como os homes teñen medo a ser pais e liscan -por certo, comproben a cantidade de Kinderlos que hai nas institucións españolas sen ser precisamente pobres-; aprendín en suma do senso común e de experiencias como as da profesora Rita Radl, ou as do público que comentou cousas que ignoraba logo de 20 anos escribindo. O que semella evidente é que se quen pode non quere ter fillos e que se quen quere non pode, isto apágase. Fin. Miren ao seu redor e comproben quen ten fillos, cantos, e quen non. Vale máis cá un doutorado. Vivimos nun país onde florecen os hoteis só para adultos porque os nenos molestan. Discriminatorio? Non tal. Ademais só os parvos teñen fillos e por iso nunca se senten discriminados.