Científica do CSIC

A demografía como problema

15.05.2016 | 02:11
A demografía como problema

Estamos tan afeitos a oír falar da demografía do país en termos dramáticos, e aínda catastróficos, que cántas veces nos temos parado a pensar se a situación demográfica de Galicia xustifica realmente estas valoracións? Déixenme facerlles algunhas preguntas. Somos menos galegos que hai vinte anos? Nacen menos nenos que hai vinte anos? Precísanse 2,1 fillos por muller para reemplazar a poboación? A resposta a estas preguntas é Non.

A poboación galega en xaneiro de 2015 era de algo máis de dous millóns setecentos trinta mil galegos e galegas, maior que hai dez, vinte, corenta, cincuenta anos, e así até a data que vostedes queiran. Somos máis que en calquera momento da nosa historia, salvo hai trinta anos. Durante uns poucos anos nos oitenta achegámonos aos dous millóns oitocentos mil habitantes. Xa ben, poucos máis.

Tampouco nacen menos nenos que hai dez, quince ou vinte anos. O número de nacidos dende os anos noventa está estabilizado en torno aos vinte mil nacementos ao ano. E respecto ao limiar máxico de 2,1 fillos por muller, tampouco é certo que sexa preciso chegar a esa fecundidade para manter o tamaño dunha poboación. Os demógrafos traballamos con poboacións teóricas: unha poboación sen inmigracións nin emigracións e cun determinado patrón de supervivencia estabilizado precisaría ese número de fillos por muller para reemprazarse. Pero as poboacións reais teñen inmigrantes e emigrantes, e a supervivencia non deixa de aumentar dende hai cento cincuenta anos. As poboacións poden non crecer con niveis de fecundidade superiores aos 2,1 fillos por muller (e fixérono durante séculos) debido a unha alta mortalidade ou a unha alta emigración. E unha poboación tamén pode medrar cunha fecundidade por debaixo dise limiar, grazas a unha lonxevidade crecente a unha alta inmigración -e aí teñen vostedes a poboación catalana, por exemplo. Por tanto, se cando falamos de "dinamismo demográfico" estamos a falar de número de habitantes, ou incluso de número de nacementos, temos que ter en conta máis variables que a fecundidade. As migracións resultan decisivas tanto para o tamaño dunha poboación como para o número de nacementos. Os que migran son homes e mulleres novos, pais e nais potenciais. E non se esquezan que sen nais, sen mulleres novas, non hai nenos, por máis esforzos reprodutivos que fagamos.

En termos demográficos o máis importante que lle pasou a Galicia nos últimos anos foi que rematou o seu proceso de modernización. Estamos a falar, en realidade, dunha historia de éxito: o éxito alcanzado polas poboacións humanas no seu proceso reprodutivo. Mentres no pasado eran necesarios moitos nacementos para compensar altas taxas de mortalidade, as poboacións do mundo desenrolado evolucionaron cara a unha maior eficiencia reprodutiva, necesitando na actualidade moi poucos nacementos para substituír a unha poboación que sobrevive durante unha traxectoria de vida moi prolongada. Esta evolución produce, necesariamente, poboacións con menos nenos e con mais vellos. Polo tanto, dende finais dos anos oitenta do século XX a poboación galega deixou de crecer e comezou a avellentar.

Todas as poboacións europeas han alcanzar altos niveis de avellentamento nas próximas décadas, pero non á mesma velocidade debido á influencia doutro mecanismo demográfico: a migración. As poboacións que xeraron, ou están a xerar, intensos fluxos emigratorios avellentan por dúas vías: perden xente nova directamente, e perden os nacementos potenciais que terían producido eses emigrantes (que son os que están en idades de procrear). Por tanto, o caso galego non é particular respecto ao proceso, pero si respecto á velocidade do mesmo, debido ao efecto da emigración, o máis potente acelerador do avellentamento demográfico.

A velocidade do avellentamento da poboación galega supón a necesidade dunha adaptación máis rápida a unha poboación que nunca máis vai voltar a ser nova. Adaptación que esixe innovacións sociais que aínda están por abordar. Fronte a iso, a ameaza dun suposto futuro demográfico, de carácter determinista, utilízase con frecuencia para xustificar a inevitabilidade de opcións absolutamente evitables. Xustifica, sen lugar a dúbidas, a insostenibilidade de sistemas de solidariedade interxeracional, ou -segundo un informe recente da CEOE- terá efectos notables no mercado de traballo. O futuro demográfico é moito máis incerto do que proxeccións cun único escenario dan a entender. As proxección demográficas -impecables técnicamente- esixen hipotetizar sobre o futuro comportamento de dinámicas altamente cambiantes, como as migracións. Como resultado, por exemplo, as proxeccións oficiais da poboación española en 2050 variaron en nada menos que seis millóns de habitantes dende 2009 a 2012. A iso hai que engadirlle que ese tipo de afirmacións supoñen a estabilidade futura de circunstancias actuais -como o limiar de inicio da vellez, os patróns de actividade por idade e xénero ou os saldos migratorios-, o que é moito supoñer.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine