Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Patrón da grea ceibe

O patriarca da zootecnia galega, Juan Rof Codina, foi o primeiro en chamar a atención sobre a utilidade que para Galicia pode representar o fomento da raza de cabalos autóctonos. Joaquín González Troncoso liderou aquel movemento que culminou, non hai moitos anos, na oficialización, por parte da Xunta, do Cabalo Pura Raza Galega (PRG).

Dos cabalos galegos que andan ceibes no monte falaran os clásicos (non así dos árabes) como ten estudiado exhaustivamente o profesor Cabada Castro na súa monografía sobre o curro de Sabucedo. En todo o Quixote, novela moi hípica, só se menciona unha raza equina: a faca galiciana que, mesmamente, protagoniza un capítulo. Sarmiento recoñece a existencia dun cabalo galego diferente a todos os do mundo.

Todo o tesón, a teima nobre e o esforzo desinteresado de Joaquín González Troncoso (Quin, o noso) concentrouse na recuperación da raza galega, xunto con extraordinarios coadxuvantes da mesma causa como é o caso de Jacobo Pérez Paz. Hai máis, e a todos os abrazo. Por parte, Quin salvou da súa desaparición un ar ecuestre chamado en francés "amblure" (aparece na épica medieve coma o preferido de Carlomagno), nos países xermánicos Töll e, entre nós, andadura ou marcha ou paso trabado, e digo así sabendo que hai diferencias que, en Galicia foron clasificadas polo noso amigo morto como "chapeada" e "serrada": É autor do libro Nós, andadura. Creou hai dazanove ou vinte anos o Campionado de Andadura Galega, o Quin que agora pasa á Historia de Galicia.

Agora, as dúas ligas de andadura que hai neste lado do Atlántico son a islandesa e a galega. A nosa é obra, principalmente, de Quin e duns amplos e concéntricos círculos de criadores e cabaleiros.

Quin Troncoso fóisenos. El era xeneroso, culto, crítico, activo e poderosamente intuitivo. Quixémolo moito. Tivemos o privilexio de gozar da súa amizade e, agora que o perdemos para sempre, sentimos fonda dor e decatámonos de que a cultura galega ten contraída con el unha inmensa débeda. Qué non daríamos por volver cabalgar con Quin Troncoso!

Compartir el artículo

stats