Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

Conversas con Manuel María

Dende que se traspasan as cancelas do Trasmundo, a memoria de quen pon pe na Ultratumba pasa a ser propiedade de todo deus para uso e abuso. Pálidas e atoutiñantes lámpadas dos devanceiros, ringleira da Santa Compaña aínda en longas noites sen luz de alba. Así pasou con Homero, co Che, con Castelao, con Rosalía, con Otero Pedrayo que até lle mudaron o idioma, a casa... e tantos desactivados das súas mensaxes pra convertelos en novo"produto" mercantil. Así e que pódese facer, dicir e celebrar o que se queira, a pesar das vontades do defunto e dos seus vixiantes legatarios. A obra de Manuel María está a cuberto, defendese por si soia, coas súas teimas e querenzas, que non son outras que as da nación galega, particularidades coas que medir a universalidade. Comezando polo humus, polo ser humano e o seu humanismo, interacción de paisaxe e paisanaxe, cultura que se debuxa na casa, na tribo, na Galiza dos bos e xenerosos, en Saleta que significa o amor, nos compañeiros, nos camiños tripados... Manuel María foi contundente, nidio, coherente, como para que non haxa manipulacións .

Convén beber nas fontes limpas, repasar a Historia, a cando a obra de Manuel María non o tiña fácil nas antoloxías, nin nas editoriais establecidas, sen faltaren compañeiros, colectivos de aquí ou da emigración dispostos a espallar os seus versos, artigos, colaboracións... en programas, periódicos, pregóns... como poucos puido ofrecer pensamento de humanismo e de nación galega en duros tempos de ditadura e perennes transicións. Entre aqueles que entenderon a dimensión de Manuel María nos seus días esta o celanovés Xosé Manuel del Caño que reclamaba a súa colaboración para a súa revista Follas Secas, na primeira liña dunha misión que en cada cabodano do pasamento de Curros ofrendaba esperanzas ante ese altar de galeguidade que é o monumento a Curros no recheo da Coruña. Non faltamos a aquela cita. Del Caño foi fundador tamén de "Celanova casa dos poetas" con premio, entre os primeirísimos galardoados estaría Manuel María, animador ademais da Fundación Curros Enríquez, apañador de canto documento se refire aos escritores desa fecunda en versos Celanova, comezando polos papeis da propiedade da casona de Curros, deica recuperala, abrila e pola ao servizo de Celanova, de Galiza e da poesía. Xosé Manuel é intrépido delegado de Faro de Vigo en Ourense, autor de obras tramadas con visión de futuro, dende a súa habilidade periodística, ensarillando preguntas con respostas dos protagonistas, ofrecendo chave para abrir a ese couto da enigmática croa sobre o Miño, roda, nimbo que é a "O" maiúscula de Ourense e a espiral galega. Así esculca sobre o pensamento de Tovar, Ferrín, Carlos Reigosa, Alfredo Conde, Quessada ou mesmo Díaz Pardo, entre outros, sabémolo ben.

Mesmo del Caño estribillou unha editorial co suxestivo nome de "Castromao" e servidor recibiría a encomenda de deseñar o seu logo, coa silueta de Vilanova, do castro e sobre del un triskel. Editorial na que saíron obras urxentes como Ritual pra unha tribo capital de concello de Manuel María, que ilustrei en loito e prateado, necrolóxica pra nostalxias de Humanismo .

No 1990 del Caño publicou na colección Crónica de Edicións Xerais as Conversas con Manuel María, parladoiro arredor da mesa, seguramente por medio algún dedal de tostado, néctar que aviva paixóns e as lembranzas. Comezando por ese Ónfalos , orixe e orixinalidade arredor de Outeiro de Rei e da súa celebrada Casa de Hortas,da nai, a señora Pastora, do pai, os irmáns Xosé María, Antón María, o o pequecho Xesús María, como un Xesusiño que deixou a vida na estrada e acendeu nostalxias inesquecibles... O rexo tío cura, don Xosé, formado en Mondoñedo, doutor en Teoloxía, Licenciado en Filosofía e Letras,párroco de San Froilán e promotor do templo da Milagrosa de Lugo, asiduo dos clásicos... non será pouca cousa como orixinario mentor. Seguido das inauditas conversas, en verso popular, na barbería de Paderna en Outeiro, dos parladoiros nos cafés lucenses arredor de filósofos, poetas e profesores, no Méndez Nuñez, no Español... despois tramando acción nesa encrucillada de camiños de ferro, Monforte, na súa Librería Xistral. E de aquí o paso á Coruña, finalmente no cafe Kirs.... Conversas con del Caño nas que se afirma o compromiso coa UPG, a Nova Canción, as viaxes polo mundo: Cataluña, Euskadi, Suiza, Bretaña, Córcega, Cerdeña, Provenza Sicilia, Italia, Grecia, o Cairo, o Sinaí, Palestina, Israel e a para il abraiante Xerusalén terrestre... Caracas. A súa predilección por Rosalía, Francis James, os Machado, Torga, Cardenal ...e polos novos, Xavier Seoane, Fernán Vello,Pilar Pallarés.... os amigos, os toliños, poestrastos e "paveros" , quixotes atraídos polo escritor que estudou ao singular ourensán don Juán de la Cova...as novenas a todos os santiños e virxes da corte celestial, singular apartado na súa biblioteca.

Agora aproveitando o académico céfiro da canonización "oficial" de Manuel María, de novo del Caño reedita en "Nova Galicia Edicións" aquelas conversas de 1990 , incorporando o testemuño da súa voz nun CD e un breve prólogo dun discípulo chairego, Darío Xohan Cabana. Conversas cando Manuel María cumprira os sesenta anos. Certificamos que o que máis gustaba a este creador que recorre todos os xéneros literarios con mestría, é a conversa: subir dos infernos dantescos aos paraísos franciscanos e oteropedraianos...falar sobre a mesa dunha cociña, dun café, nun autocar cos amigos, atopar os "locus amoenus", as tumbas, os museos de creadores, pasar do amor á paixón política, das improvisada cancións populares de camiño a palabras maiores, roldando o devalar do Parnaso, as sete croas romanas, a Toscana de Dante, a Umbria de Francisco, a Provenza das Tres Marías, de Vaucluse, de Mistral, de... Manuel María soamente mantiña litúrxico silencio cando falaba a señora Pastora e don Ramón de Trasalba, que tampouco daban tregua... e cando Saleta, o seu Norte, notificaba prescricións médicas.

Ante esta marabunta vitamínica, dosificada en "ano" e "día" non damos feito a bater con perfiles de Manuel María, os que atopan a universalidade, os que se empeñan en coutalo no seu Outeiro chairego... tamén é certo que Manuel María declaraba, que onde estivera sempre sería colonia do Outeiro de Rei. E pouco máis se pode dicir que o xa ben dito polo profesor Camilo Gómez Torres, alumno, devoto de Manuel María que fixo e leu tese ante o mesmo. Poucas veces se fai isto en vida,poucas veces, editores como Fernán Vello de "Espiral Maior" se aventuran a publicar obra completa tamén en vida do mesmo autor, ou un colectivo como Xermolos encabezado por Afonso Blanco Torrado editan e complementan aspectos sobre a vida e a obra do mesmo. Poucos foron tan cantados, por maior intercesión e obra de Mini, Mero e o lembrado Suso Vaamonde.... Poucos tan gravados, tan fotografados, agasallados, celebrados, dende as humildes asociacións, escolas, até as máis altísimas tribunas e teatros. Entre poucos galegos tan queridos e reclamados en Portugal. Mesmo poucos prepararon críticos, como escudeiros a defender a verdade nacionalista, Lois Dieguez, López Foxo, Margarita Ledo, Xosé Estevez, Xan Fraga, M do Pilar García Negro....incluso cos mesmos retrousos, sabedores do seu noxo aos braghettones, dispostos a torcer a Historia... Agasallado pola Asociación Galega de Escritores, para pouco despois do seu pasamento, arroupada Saleta, sumando aos herdeiros da Casa de Hortas e a leal colaboración do profesor Alberte Ansede e doutros tramar a Fundación Manuel María de Estudos Galegos e facer un museo no que recuperar o espírito e a identidade galega. Polas obras coñecerémolo, pra querelo, premialo e reivindicalo sempre.

*Arqueólogo, exdirector do Museo de San Antón da Coruña.

Compartir el artículo

stats