Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

De envites e de órdagos

Como, sen dúbida, coñecen dabondo todos os -sempre moi amables- lectores destas crónicas semanais, ao protagonista do célebre, e vello, "acudit" do xenial -e infelizmente, desaparecido- Eugenio encantáballe xogar ao póquer e... perder. "Perder, sí, pero... ¿y ganar?" "¿Ganar, dices? -retrucaba o tal-; ¡Eso debe de ser la leche, tú!" Evidentemente, aquel ghichiño non daba para máis; tratábase de alguén a quen agora lle dirían "pringao" os supermodernos e/ou "chaiñas" os da marea de antes da marea. Ou dito en versos de Celso Emilio, "un pasmón,/ peatón/ con opinión,/dicindo a verdade núa/ pola rúa." Vaia; que, desde logo, nin Don Albert Rivera Díaz, nin D. Pedro Sánchez Pérez-Castejón, nin D. Pablo Iglesias Turrión nin tan sequera Don Mariano Rajoy Brey responden, de perto ou de lonxe, a semellante descrición, non si? Brillantísimos, lizgairos, espelidos..., talmente como alumnos que fosen de Don Luis Aragonés Suárez, a súa divisa non pode ser outra que aquela mesma de "gañar, gañar... e volver gañar". Olé!

Así e todo, se lles aplicásemos as leis da mecánica newtoniana, a cousa non habería de resultar tan doada. Porque tanto a estática como a cinemática e mais a dinámica demostran ás claras que, por exemplo, é moi certo que o Partido Popular que lidera o Sr. Rajoy obtivo, o pasado 20 de decembro de 2015, un total de 7.236.965 sufraxios: isto é, arredor de 3.500.000 menos en relación cos resultados habidos o 20 de novembro de 2011. Canto ao PSOE do Sr. Sánchez, a verdade é que os socialdemócratas baixaron desde os 7.000.000 até os 5.500.000 da última convocatoria, todo un exitazo do que presumiren! Sen un informe previo ao que apelarmos, Ciudadanos e Podemos viñeron gozar, da súa parte, do beneficio que, sobre este particular, lles fornecía a calidade de recén estreados no show electoral. En fin, unha condición esa mesma -a novidade no tocante ás características do espectáculo- a cal acudiron de contado novos e vellos; vellos e novos: "nunca antes nos viramos nun rebumbio semellante; xa que logo, ninguén perdeu. Todos devimos vencedores."

Concordando, daquela, en semellante consenso, non é de extrañar -a pouco que botemos a vista cara atrás- que todo se resolvese nunha inacabable partida de mus. A "grande"; a "chica"; os "pares"; o "xogo": cada un dos participantes pretendeu resolver a súa man co lance que mellor lle cadrase sen nin tan sequera consensuar coa parella. É dicir: si que houbo un momento en que PSOE e C´s pareceron axeitar unha estratexia común. Sen embargo, todo se resolveu, ao cabo e como dirían os nossos irmãos da outra beira do Minho/Miño, "em aguas de bacalhau". Certamente, a voz órdago procede do euskera "hor dago", que vén significar en romance occidental peninsular "aí está!" ou aínda "aí queda iso!". Desafortunadamente para os que tan alegremente o lanzaron, o reparto das cartas nunca foi corroborar o seu moi afouto envite.

Sinalan os inquéritos estes días que, moi a pesar de todos os pesares, oito de cada dez electores se mostran plenamente satisfeitos coa escolla efectuada en decembro do 2015: quere dicir iso, acaso, que nada de nada vai cambiar logo da xornada do 26-X e que, en consecuencia, entraremos nunha especie de bucle que nos conduza a unha terceira, cuarta... convocatoria? Vén estar, entón, situada en España, prazas de soberanía e Perejil adunxtos, a cruel montaña de Sísifo?

E vale: poida que, en efecto, os resultados do 26-X non difiran extraordinariamente desoutros acadados no 20-D. Mais con todo, e por moito que se pretendan agachar baixo tal recorrente paraugas, a realidade é que ninguén -ou iso cabe agardar; o contrario sería participarmos, todos nós, dunha esquizofrenia colectiva- poderá/irá consentir unha conxuntura parella. Porque, desta volta si, a mecánica newtoniana ten de abrollar abastada dun punto certeiro, dun espazo inequívoco e de referencia. Votos arriba/abaixo; máis/menos escanos que aqueles alcanzados no Nadal do 2015: tales cifras teñen de determinar, si ou si, que nesta ocasión teñamos vencedores, perdedores e mediopensionistas. Mal que lles pese a algúns, todos acabarán por chegar alí onde realmente os agardan.

Compartir el artículo

stats