Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

O meigallo e as Luces

A principios do século XX levaban os enmeigados, no día da Cruz de Maio, ou dos Maios, á capela do Cristo de Ourense. Alí eles blasfemaban, arrotaban e trousaban pelotas feitas cos pelos do Demo. Un bispo estricto proibiu aquilo e os lugares curativos do meigallo fóronse reducindo na Gallaecia. Na Nossa Senhora da Peneda, o reitor tén vetado a asistencia aos cultos dos chamados "corpos abertos". Seica permanecen en activo o San Campio do Baixo Miño e o Corpiño, este na freguesía de Losón e concello de Lalín. Ha de haber outros, siescaso Santo André de Teixido e a Pastoriza de onda a Coruña.

Fálase de cregos que practican exorcismos irregulares e non canónicos ás escondedelas da autoridade episcopal. Hai moitas fontes históricas que certifican que tales cousas ocorrían no pasado e suponse que todo este estado de cultura vai desaparecendo en canto novas crenzas ocupan o seu sitio baixo o nome de medicinas alternativas.

Chegan noticias de que a maioría ilustrada que goberna o concello de Lalín, en cuxo termo municipal permanece o Corpiño intacto como centro de curación do meigallo, acordou, contra os votos do PP, declarar aquela porción dezá espazo libre de confisionalismo. Certamente, o de Pontevedra, desde hai moitos anos, practica o laicismo sen que se conmovesen por iso os alicerces da Pelegrina na cidade de Filgueira Valverde, logo encheron as imparabeis Mareas laicas. Pero tamén é certo que a ceremonia nacional-católica máis resoante de Galicia ten lugar cada ano en Vigo.

Refírome á procisión do Cristo da Victoria. Autoridades militares de uniforme acompañadas do concello e o alcalde con vara e insignias e a golpe de tambor e trompetería dunha banda militar presiden a procisión acompañados dunha cofraría que pretende representar a burguesía arcaica da cidade de Vigo.

Cada ano, pois, o alcalde socialista preside a procisión e fixeronno antes todos os outros alcaldes vigueses do réxime ainda vixente. O de Lalín actual confésase católico e di que só irá ás procesións como particular. Bravo!. Así debe facer Abel Caballero, se é tamén católico: mesturado co pobo na procisión do Cristo da Victoria (de cal?) e mesmamente de xoenllos e cun cirio na man se está ofrecido.

O Papa Francisco reclamou laicismo universal para garantir a libertade relixiosa. En todo caso, nós estamos cos ilustrados do Deza.

Compartir el artículo

stats