Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

A mentira aventureira

Que función ten a mentira? Que ven algúns nesta práctica para aferrarse tanto a ela? Quizais expertos na materia coma Mario Conde ou o exministro Soria, tan de actualidade nas últimas semanas, poidan dar resposta a estas cuestións xa que ambos parecían ben resoltos na arte do engano. Pero se algo quedou claro nos últimos tempos é que as mentiras son tan impredecibles como as persoas que se sirven delas, e ás veces non todo remata como comezou. Durante un tempo o mentiroso durme tranquilo sabendo que a súa trola está a bo recaudo, ós pes da súa cama, lonxe de miradas indiscretas. Todo parece estar baixo control, ata que un día algo cambia. Tan pronto esperta o mentiroso intúe que algo non vai ben, sospeita que se confirma cando se inclina e comproba que a súa mentira, esa que levaba agochando tantos anos, xa non está alí, como cada mañán, ó seu carón. Onde se terá metido esta condenada? pregúntase o mentireiro ó tempo que percorre todos os cuartos da casa revisando caixóns, mobles... Nada, nin rastro, para que logo digan que a mentira ten as patas curtas. O pulso cada vez máis alterado impídelle pensar con fluidez. Abre a ventá que da á rúa e o pánico aumenta. Sería capaz de marchar? pensa aflixido. Como se lle ocorre sair así á rúa, a corpo, sen unha boa escusa baixo a que ocultarse! Podería ocorrer calquera cousa, ata se podería cruzar cun bo xornalista, deses expertos en detectar mentiras e exprimilas ata coñecer a verdade. Iso sería un desastre, un desastre, repítese unha e outra vez.

A desesperanza é cada vez maior e o home comeza a asumir que a súa mentira, coas súas sete letras e as súas tres sílabas, esa palabriña do demo, decidiu aventurarse ó mundo real. Os seus peores presaxios confírmanse cando acende a televisión e comproba que alí está, encabezando o noticiario, rodeada de xornalistas e impresionada polo interese que a súa presenza esperta neles. Os reporteiros lanzan unha pregunta tras outra e a mentira semella atoparse cada vez máis cómoda, coma se se estivese a quitar un peso de enriba. A medida que avanza a improvisada entrevista as sete letras da palabra sufren o cambio que tanto temía o mentiroso: o m retórcese sobre si mesmo ata convertirse no v, o e queda como está pero o n convértese no r, o t no d, e así ata chegar á última letra, de xeito que a nova palabra, verdade, queda formada. Aquel novo termo exprésase con dozura, agradando tanto ós xornalistas como ó mentiroso, que sube o volume do televisor para escoitar mellor as declaracións. Aquel novo discurso convénceo de veras e por primeira vez lamenta non ter escollido a opción da verdade, alomenos de cando en vez, e pregúntase se aínda está a tempo de facelo ou se pola contra está sentenciado a vivir o resto dos seus días á sombra da mentira.

*Mestre e veciño de Xaxán (Lalín)

Compartir el artículo

stats