Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

Imbéciles sen Fronteira

Recoñezo que cada día me resulta máis e máis insufrible botar unha ollada a imaxe reflectida no espello abafado do baño, sen dicirlle cara a cara ao imbécil e pasmón que é o tipo que vexo alí fronte a min, sen atreverse a falarmos, cos ollos embolsados e a cada vez menos pelo de parvo, a sombra da barba e as patas de gallo e engurras da pel. Pero, unha vez admitida esta realidade, vou ter que aceptarlles que eu, que nunca militei en ningún sitio nin lugar, salvo pola curiosidade innata que arrastro polas congostras e corredoiras dos soños e fantasías, por coñecer e saber dende dentro como funcionan as cousas, e os seus porqués -de entre os meus recordos máis afastados de neno, gardo o dun coche teledirixido que me trouxeran os reis magos e que durou o que tardei en coller un desaparafusador, para ver o que tiña dentro e pescudar porqué e como se movía, nunca máis volveu a funcionar claro-, e ao que botaron non sei de cantas asociacións e grupos, hai tempo teño perdida a conta, o longo desta vida que vendemos, pois dígolles que eu por non ser menos, tamén con permiso da autoridade e se o tempo non o impide, que estou a punto de caramelo, nada máis e nada menos que para asociarme a "Imbéciles sen Fronteira".

Porque francamente imbéciles sen redención e ata a saciedade temos que ser para aceptar o que estamos a ver e escoitar un día si e outro tamén, neste mundo mundial de globalizados, mercados e mercadores, no que xa non hai lei, non hai xustiza social, nin chisco de sentido común, o menos común dos sentidos, non queda senón unha pinga de solidariedade e dende logo non nos nosos políticos, nin dirixentes dos grandes trusts, compañías multinacionais e grupos financeiros,sexan chineses ou da Cochinchina, que tanto ten.

Acordamos cada día, menos mal, e almorzamos coas novas de onte, que normalmente duran o que dura un caramelo diante da porta dun colexio, e que pintan as cousas segundo a cor do xornal, ou da tele, así vaia a feira, e nós con ela, porque ¿onde vai Vicente?, pois onde vai a xente. Atopamos centos de caras coma a nosa, de imbéciles coma nós, que a présa imos non sei a onde, uns a traballar, os que teñen sorte, e outros a facer que traballan, mesmo algúns a matar o tempo, como se o tempo tivera culpa de nada e puidera morrer así, impunemente. Moitos cos pinganiños nos oídos, para non escoitar o que non nos gusta desta noxenta realidade cotián, outros coma prolongación da irrealidade e os mundos virtuais, cos móbiles nas mans, cun insensato síndrome do dedo inquedo, dalle que te pego sen parar, e todos aburridos e anoxados, inmunes ao espanto e o horror.

Non queremos saber, non queremos preguntar, non buscamos a verdade, mellor non saber e como din os franchutes, laisser faire, laisser passer...Vamos, que á merda con todo, e tira para adiante, que amence que non é pouco, e sigamos militando de imbéciles anónimos sen fronteira que eche o que toca hoxe, e que chegue axiña o robot que sexa quen de substituírnos nos sentimentos, desexos, tristuras e ledicias, para non ter que continuar a representar máis o papel diso que chaman humanidade.

Compartir el artículo

stats