Ante a noticia da moción presentada polo Grupo de Goberno de Lalín para "promover a liberdade de conciencia e a non confesionalidade institucional do Concello", coido que é preciso poñer as cartas sobre a mesa antes de dar por comezada a partida:

1) O Estado aconfesional (no que vivimos dende 1978) é aquel non vinculado oficialmente cunha relixión ou crenza que recoñece o dereito á liberdade de credo e a súa manifestación pública e respectando e cooperando coas institucións relixiosas.

2) A laicidade queda esnaquizada no momento mesmo no que uns poucos pretendan utilizar ás institucións nas que foron temporalmente colocados para impoñer a todos unha relixión ou ideo-loxía propia.

3) Non corresponde aos que gobernan procurar a exclusión da fe e dos crentes da vida pública. Correspóndelles, en cambio, procurar o ben común, defender a liberdade e a seguridade, facilitar a educación e a sanidade, protexer a cultura e o medio ambiente e, en todo caso, non xogar nunca coas cousas de comer.

4) En canto á exención do IBI (que aburrimento!), a Igrexa Católica e as demais confesións relixiosas cumpren o disposto pola lei, do mesmo xeito que os sindicatos, as asociacións dos partidos políticos ou a SGAE, por exemplo, igualmente exentos.

5) Galicia non son só os que gobernan; Galicia son os homes e mulleres que construíron e constrúen esta terra orgullosa do que é e do que foi; cada home e cada muller que coñece e séntese herdeiro do Crismón de Quiroga, do Corpiño, da miragre do Cebreiro, de Frai Martín Sarmiento ou do Padre Feijoo.

Non é razoable aplaudir coas orellas a quen pretende convencernos, con estes ou outros feitos, que a relixión é un mal para sociedade xa que logo o futuro non será laico senón fundamentalista. Todos sabemos que foron precisamente "as crenzas seculares" (léase calquera ideoloxía totalitaria) as que nos agasallaron cunha visión da sociedade que provocou as maiores matanzas da historia do mundo. Ao fin, parece que o trasnoitado cuius regio, eius religio volve renacer mantendo a motivación dictatorial orixinal.

En definitiva, ante a moción presentada polo Grupo de Goberno de Lalín, é lóxica a preocupación da maioría dos cidadáns xa que en ningún caso nin o motivo nin a materia é competencia das autoridades. Esta é a nosa tradición, a nosa cultura e a nosa fe, e se non lles gusta, non, non temos outras.

Coido que é preciso vivir con máis pragmatismo e menos paranoia. Porque postos a abrir o paraugas antes de que chova... por que razón manter a Festa do Cocido se isto atenta directamente contra os principios dos veganos? Para que seguir coa feira do viño de Chantada sabendo que o consumo deste se considera unha grave falta contra as ensinanzas do Islam? Como seguir promocionando impunemente o Arde Lucus cando no mundo romano a autoridade do home sobre a muller incluía o dereito de vendela, castigala e incluso exiliala?

Xa o din os nosos maiores: non é ben confundir o allo co bugallo.

*Delegado Episcopal de Vocacións