Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

'Quod nihil scitur'

Anda polo mundo un texto vigoroso de Slavoj ?i?ek sobre os Papeis inevitabeis de Panamá no que, invocando o xove Marx, o filósofo esloveno debulla un conxunto de ideas sobre a natureza necesariamente corrupta do capitalismo. Deixando a parte o feito de que Marx, en canto que filósofo, non tivo mocedade, parécenme os razoamentos de ?i?ek tan brillantes como é uso nel. A min non me preocupa a lista dos que se valeron do despacho Mossack Fonseca para eludiren os tributos normativos nos seus países.

O que me pon incómodo é non saber os nomes dos que están a facer públicos os nomes das listas. Ignoro de quen cobran os denunciantes: unha operación desta importancia non se fai por sport nin por amor á legalidade vixente e cada un dos países defraudados. Non sei onde están situados, son fantasmas? Logo pregúntome como se foron formando os cen paraísos fiscais do mundo dos que unha parte ten oficinas abertas dentro desa UE na cal xa case só acreditan os máis inocentes.

Poñamos o exemplo da Gran Bretaña. Alí, desde a Idade Media a acó, as illas de Jersey e Guernesey, antes de lingua anglonormanda e agora residualmente francesa, veñen pertencendo á coroa británica, en canto manteñen unha soberanía feudal que reside nos seus vizcondes respectivos. De xeito parecido, a Illa de Man é un territorio da coroa británica que dispón dun parlamento propio que algúns consideran o máis antigo de Europa, aínda que hai outros varios aspirantes a este título e consideración. Man falou, e aínda fala un pouco, unha lingua celta goidélica diferente do gaélico.

E ben, se GB había de usar Jersey e Guernesey só para fomentar un turismo de elite apenas favorecido por licencias de xogo, ao modo Hendaia ou Deauville, convirteu as do Canal da Mancha en illas independentes e paraísos fiscais, iso si, controlados totalmente polo goberno británico e polas tenebrosas catacumbas da City.

Por parte se Man fose somente o paraíso das corridas de moto non figuraría nesta nosa columna. Pero Man é outro paraíso fiscal no interior da Gran Bretaña. Até o punto de que dispón dunha libra esterlina diferente e propia en cuxo billete a raíña olla para o lado que non é. En realidade non sabemos nada. Estamos no burato.

Compartir el artículo

stats