Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Paseo por unha excepcional paisaxe

A visita deste domingo ao Sobreiral do Arnego, pola parte de Lalín, é unha excelente ocasión para reivindicar este espazo protexido que ten pasado máis ben desapercibido. Bravo aos seus organizadores. Un espazo da Rede Natura ao que Lalín aporta 255 ha., que supón o 24% da súa superficie. Son bosques repartidos en 10 km. de río dende Ponte Vilariño a Ponte Carmoega. Destacando a excepcional unidade das Tenzas do Pozo Negro e Mixelas, fronte a Zarra da Pena (en Agolada), que coa Voutureira e Fondo de Brántega, conforman un dos maiores sobreirais do noroeste ibérico. No val de Cadrón hainas monumentais, unha delas con máis de 500 anos na que probablemente sexa unha das árbores máis impresionantes que medran na comarca.

Recentemente ampliouse o espazo co rego das Abellas, entre Vilariño e a Ponte da Veiga, o que a priori pode sorprender a moitos, por unha importante xustificación ecolóxica. Son 6 km. cun dos mellores asentamentos de mexillón de río de Europa. Unha especie en perigo de extinción, un fósil vivinte, que se reproduce só nunha vintena de ríos continentais, con larvas que medran nas branquias das troitas. Unha xoia ecolóxica ameazada polo maltratro dos ríos.

Na defensa deste espazo sempre deberemos ter presente o nome de Miguel Agulló, a primeira voz que alertou da gravísima deforestación de sobreiras por unha concentración parcelaria. Do seu compromiso, do que naceu a Asociación Sobreira, conseguiuse frear tal desfeita. Sumaríanse outras voces,das que cabe citar aos irredutibles de Quián, Vázquez Pintor e Fernando de Lalín. E, por suposto, Marcial, actual custodio na defensa do sobreiral. A parcelaria de Carmoega fora decretada no 1986 e iniciada no 89. Tratábase de 2.630 parcelas e 150 propietarios para concentralas en 544 fincas. Arrasou con muíños, marcos e peches de auténtica singularidade. A ausencia na taxación das árbores, maioritariamente corticeiras, e unha falta de previsión legal de preservalas, levou a moitos propietarios a unha espiral de cortas sen sentido, co cal, case todos, nin daban nin recibían árbores. Preferían facer leña.

No Norte da Península as sobreiras son unha peculiaridade botánica, raras e escasas, en valgadas protexidas e quentes. A Galicia chegan por dúas vías. Dende Portugal, pola costa, per loca maritima, aproveitándose do aire quente que sobe polos ríos, co Tambre coma límite norte. Xa no interior a altitude frea a expansión e no Ulla non pasa das Torrentes de Mácara. A outra é a continental, polo Sil, colonizando territorios dos seus afluentes.No Sur os sobreirais están moi afectados por fungos letais (Biscogniauxia mediterranea; Phytopthora cinnamomi), e os modelos de cambio climático informan que nuns 50 anos a redución pode ser drástica. Este feito fai especialmente importante ós sobreirais do norte, entre eles o do Arnego, dos máis extensos, e oficialmente recoméndase actuar con estes bosques aplicando criterios de conservación estritos por constituír uns reservorios xenéticos da especie na Península.

Hoxe existe un anárquico aproveitamento por descortizadores portugueses, líderes mundiais na transformación da cortiza. E así, a extracción descontrolada na última década orixinou unha situación de risco, infestándose moitas árbores, pola cobiza e maltrato na saca.Conseguiuse que a Xunta regulara os permisos, modo, datas, grosores e alturas pra saca da cortiza. Cando se descortiza a árbore queda espida co carnal, de ton vermello, un momento crítico. O bornizo é a primeira cortiza que produce a árbore e sácase entre os 20 e 30 anos.Tras outros 10 a 15 anos vai a segundeira. Ámbalas dúas case sen interese. A partir de aí, cada pouco menos de 10 anos, sae a cortiza de reprodución que, en función da calidade, úsase para laminado e tapóns. Antano facíanse os cortizos pras abellas. No ano 1752, o Catastro do Marqués da Ensenada rexistra na zona as seguintes colmeas: Cadrón 48, Camposancos 45, Cangas 16, Cercio 12, Galegos 71, Sello 16, Palio 29, Palmou 26, San Xulián de Rudriz (Rodís) 24. Mel e cera que se vendían entre 2 a 4 reais. Eran colmeas fixistas que foron habituais ata os anos 80, rudimentarias e de escasa produtividade.

Compartir el artículo

stats