Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

A Ría precisa solucións

Mentres a Ría de Pontevedra e a calidade das súas augas continúen sendo consideradas bazas para a confrontación política antes que ca unha prioridade para todos e cada un de nós, ningunha solución ha ser efectiva. É un tema especialmente grave. Por unha banda, para centos de familias que viven do mar na comarca e viron como nos últimos anos a contaminación de orixe fecal das augas da Ría incide directamente nos seus ingresos. E denuncian que a situación non fai senón empeorar. Por outra banda, e non menos importante, somos responsables da preservación da nosa contorna, e a Ría de Pontevedra é espazo natural que debemos preservar e do que todos e todas debemos sentirnos orgullosos.

Anuncios coma os efectuados recentemente por parte da Xunta a respecto dun completo programa investidor para a mellora do saneamento son, sen dúbida, unha boa nova. Ence tamén quere poñer o seu gran de area para colaborar coa solución deste problema: como é sabido, destinaremos 15 millóns de euros á ampliación da depuradora de dos Praceres, na que se tratan as augas fecais procedentes de boa parte dos fogares da comarca.

A participación dos concellos e a mellora na xestión das súas responsabilidades en materia de augas fecais, responsabilidades que teñen e resultan claves, tamén será fundamental. Así coma o compromiso social. Todos debemos esquecer diferenzas e sumar esforzos. Non hai outra opción. Un gran pacto pola Ría é a única opción responsable.

Porque se algo aprendemos nos últimos anos é que o esquema actual de discusión arredor da Ría só serviu para xerar ou ocultar problemas. O modelo polo cal uns cantos concentran todos os seus esforzos en atacar a Ence ocultando os verdadeiros problemas da Ría, e os sectores acuícola e marisqueiro pagan a factura, non achegou ningunha solución. As xentes do mar saben, e así o viñeron manifestando nos últimos meses, que a actual situación só achega contaminación e pobreza.

Neste contexto, a recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza Europea sobre a Ría non deixa lugar a dúbidas sobre a orixe do problema de contaminación microbiolóxica. A sentenza, que é pública e pode ser atopada na internet, sinala un único problema: os sistemas de recollida, transporte e depuración de augas fecais domiciliarias.

Hai unha lectura positiva desta sentenza. Podemos asumila como un comezo, un primeiro chanzo. E comezar a sumar esforzos que sirvan xa non só para na solucionar o problema de contaminación biolóxica, senón para xerar novas experiencias de colaboración arredor da Ría.

Ence propuxo en abril de 2014, hai xa dous anos, a creación dunha mesa de traballo pola Ría na que participasen o sector da pesca e o marisqueo, as administracións públicas, a sociedade civil e as empresas da zona. Pronto se escoitaron algunas voces en contra. Dous anos despois, a situación da Ría agravouse, a UE puxo o seu lente sobre o principal problema, e podemos afirmar que a Xunta traballa en solucións para a EDAR. Pero aínda nos queda moito por andar. A todos. E non só no que ten que ver con depuración senón co traballo en común, a procura de sinerxias, outros aspectos de mellora ambiental... Unir esforzos e traballar conxuntamente segue tendo sentido. E despolitizar o debate sobre a Ría é unha prioridade. Pola propia Ría, en primeiro lugar. E pola pesca, a acuicultura e o marisqueo, por suposto. É inxusto que as xentes do mar sigan pagando facturas que non lles corresponden mentres determinadas partes vencelladas á solución do problema miran cara outro lado.

Do mesmo xeito que xa fixemos hai 2 anos, dende Ence seguimos poñendo os nosos coñecementos e capacidades a disposición das administracións públicas e dos colectivos cos que compartimos un innegociable primeiro obxectivo: acabar con este problema ambiental. A Xunta de Galicia foi, ata agora, a única administración pública que mostrou receptividade vontade de sumar esforzos para executar solucións. Os resultados están á vista. Ence segue a disposición de todas as administracións con responsabilidade no problema e dos colectivos sociais que queren acabar cos problemas da Ría. É o noso compromiso.

* Director de la fábrica de Ence en Pontevedra

Compartir el artículo

stats