Unha das cousas que máis lle gustaban ó Manuel María era a conversación, especialmente cando lle deixaban falar todo canto quería, que case sempre era bastante ou moito. Por iso debeu ser moi feliz cando o Xosé Manuel del Caño o convidou, hai xa 26 anos, para faceren o libro Conversas con Manuel María -que acaba de reeditar Nova Galicia Edicións-: o Del Caño deixáballe falar canto se lle viña á boca, limitándose moi educadamente a pequenas preguntas ou suxestións estratexicamente situadas para darlle forma global á conversa. O Manuel debeu estar aqueles días coma o peixe na auga, ou coma o rei nunha cesta.

Eu non vou dicir que todo Manuel María estea nestas páxinas, pois Manuel María foi un xigante, e a súa vida, mesmo sen ser aventureira nin nómade, foi tan intensa e laboriosa, e en tantas cousas importante, que precisaría moitos volumes de prosa para ser debidamente contada. Durante máis de medio século estivo no centro da historia, como protagonista moi principal e tamén como espectador lúcido e memorioso. No centro da historia literaria, posto que foi un dos grandes obreiros na construción da literatura nacional -na que a súa foi a xeración decisiva-, pero tamén no centro da historia política como prestixioso militante nacionalista, de base como el mesmo dicía, pero investido dun evidente carácter de símbolo.

Tiña Manuel María sesenta anos cando "falou" este libro con Del Caño. Velaí, pois, un home na forza da madurez que lembra e soña de novo a súa vida pasada, que contempla e xulga o presente -1990- e abesulla impaciente un futuro que -xaora- non dá adiviñado entre as brétemas do que aínda non é. A ollada ó pasado é maiormente doce, a ollada ó presente ten a miúdo duras espiñas de luz, a ollada cara ó futuro non é que sexa pesimista, pero tampouco non está exenta dunha dorida aprehensión.

Pero o máis importante en Conversas con Manuel María é o latexo cordial dunha presenza viva: está Manuel María falando e nós oímolo. Sentimos a súa voz grave e vemos o fulgor da infancia, as angurias da primeira mocidade, o longo voo do amor, a serena loita pola vida, a intensa e ás veces dolorosa militancia política, as intricadas corredoiras da literatura coas súas encrucilladas, opinións e teimas.

É posible que neste ano saian importantes biografías de Manuel María que se sumen á xa vella e basilar de Camilo Gómez Torres. Pero por boas que elas sexan, nunha poderán substituír este libro de Xosé Manuel del Caño, no que Manuel María fala por si mesmo de si mesmo e das cousas que viu e que viviu. Acórdasenos agora un verso de Bouza-Brey -un dos poetas máis queridos polo noso- no que, referíndose á balandra dos Ultreia, dicía "toda Galiza vai nela". Todo é moito dicir, pero neste libro máis ben breve -ogallá fose tres ou catro veces máis groso- vai unha grande parte do home grande que foi Manuel María, e unha grande parte da Galiza do seu tempo, que é aínda o noso tempo.

Beizón, pois, benquerido Xosé Manuel del Caño, pola preciosa idea que tiveches hai un cuarto de século e que deu lugar a este libro, Conversas con Manuel María -publicado en 1990 por Edicións Xerais e que agora saca á rúa Nova Galicia Edicións-, que cada vez nos fai máis falta: non hai mellor retrato, nin máis de corpo enteiro, có que ti lle fixeches.

(*) Membro numerario da Real Academia Galega