Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Aterrorizados

O actual presidente do Goberno (interino) de España renovou por sesenta anos máis, coma se fose un foro do antigo réxime, a concesión de vastos terreos públicos de Lourizán a unha fábrica considerada molesta e contaminadora. Eu apostaría a que Ence non vai estar tanto tempo a perxudicar as xentes da ría de Pontevedra e Marín, porque é seguro que veñan, para todos, tempos novos e autoridades máis civilizadas. Pensen que o Futuro é un continente descoñecido pero no cal declarara o presidente do Goberno de España "persona non grata", por este facer unha cousa moi fea.

O 6 de abril pasado, a comisión de Medio Ambiente do Congreso de Madrid, aprobou unha proposición non de lei que reclama a anulación da prórroga de 60 anos a Ence. Inflixiu este castigo ao presidente do Goberno En Maré, asociada con Podemos, e máis PSOE, ERC, PNV, Compromís e DL. Abstívose Ciudadanos, denotando o seu íntimo carácter. Pontevedra e Galicia deberán estarlle tan agradecidas ás forzas políticas que apoiaron a proposición como indignadas por un PP que votou en contra dos agora chamados "intereses generales".

Penso que En Maré puxo unha pedrafita moi visíbel en Madrid o pasado día 6, a cal vai permanecer enfesta durante os acontecementos políticos que están preparándose. Haberá unha Galicia contra a fábrica de celulosa e outra, algo menos Galicia, ao favor dela.

Se se repiten as eleccións, o asunto de Ence pode modificar a actual composición do Congreso. Como o brazo da empresa contaminante é longo, a noticia do triunfo histórico de En Maré, en sociedade con Podemos, e dos partidos que apoiaron os intereses galegos e favorabeis a un medio ambiente salubre, tivo moi pouca difusión nos media máis sistemáticos.

En realidade, este é un tempo de propaganda e mentira no cal vemos moito interese en envenenar con insidias a vida interna de Anova, a de Anova cos seus amigos en AGE, a de AGE coa confluencia En Maré, de Podemos infiltrándolle toxinas a todos os homes e mulleres públicos alternativos por xunto e por separado. Mesmo semella que estivesen aterrorizados, e moitos estamos xa fartos de que nos conten contos da señora Carmena.

En realidade, os que gañaron a proposta poderían estar formando goberno en Madrid e en Galicia en datas previstas no Principio Esperanza.

Compartir el artículo

stats