Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Antonio Crespo e o rural galego

Informeime pola prensa e sorprendeume. Recoñezo que non son seguidor asiduo das reviravoltas políticas, o cal non quere dicir que non me importen. Dou por sentado (se cadra inxenuamente) que cada cargo público que nos goberna ocupa o lugar que lle asignaron por razóns de idoneidade e non por outras. Sorprendeume, digo, o relevo de Antonio Crespo.

Non son labrego nin gandeiro nin ando ó mar pero sei de Antonio que é un home formado, traballador, honrado, dialogante, accesible e moi experimentado. Sei tamén que por afinidade co medio coñece en profundidade a Galicia rural e as súas necesidades, feitos que se non o fan idóneo para o sitio, debe o conto andar moi cerca. Vino actuar moitas veces a pe de obra, mergullado nos problemas da comunidade rural para cuxa solución tiña criterio e proxecto.

Sabemos que dende hai tempo púxose de moda entre algúns adestradores de fútbol iso das rotacións. Se cadra vai por aí o asunto e seguramente non estará mal. O problema ven cando por culpa dos experimentos remata perdéndose o partido...

Abundando no tema, vénme á cabeza aquela vez que decidimos na casa cambiar o tresillo. O que había era moi cómodo pero o vendedor dixo que o novo era dunha marca moi boa e mesmo estaba homologado para garantir a plácida sesta de quince minutos de despois do xantar. Hai xa disto moitos anos e aínda hoxe botamos de menos aquel vello sofá que semellaba ter memorizado cada óso dos nosos corpos para darlle sempre o mellor conforto.

Nin que dicir ten que lle desexo o maior dos éxitos á persoa designada para substituír a Antonio e para el, naturalmente, o mesmo no novo cometido. En última instancia sempre lle quedará o exercicio da profesión. A vocación de servizo de Antonio Crespo non discrimina entre persoas e animais, se ben estes últimos adoitan ser, en demasiadas ocasións, máis agradecidos que as primeiras.

Os camiños do Señor son inescrutables. Os da política tamén.

*Veciño do rural da Estrada

Compartir el artículo

stats