tRIBUNA LIBRE

O absolutismo caciquil de Cerdedo

12.04.2016 | 03:18
O absolutismo caciquil de Cerdedo

Dicía o rei francés Luís XIV no século XVII: "El Estado soy yo". Con esta frase quería remarcar o seu poder absoluto, para deixar claro que calquera opinión, calquera crítica en contra del, fora lexitima ou non, sería tomada como unha crítica en contra do Estado, e os que a emitisen serían considerados inimigos da Nación.

Hoxe, 400 anos despois, o señor Balseiros, créese o rexedor absoluto do Concello de Cerdedo. Calquera crítica cara a fusión, que a toda costa quere levar a cabo, é considerada unha crítica cara a súa persoa, e segundo el, cara Cerdedo, o que nos converte os que non opinamos coma el en inimigos do pobo, e como tales inimigos son tratados moitos veciños, presionados para que manteñan a boca pechada, "ver, oír y callar".

Esquécese o señor Balseiros, cando nos tacha de reaccionarios, que a día de hoxe aínda non hai nin un solo informe técnico económico, social ou de ordenación que avale a viabilidade da fusión.

Esquécese o señor Balseiros que, por moito que prometa en petit comité o señor Rueda, vicepresidente da Xunta, cando este foi preguntado no Parlamento de Galicia, non confirmou que se foran manter ningún dos servizos esenciais do concello a toda costa, como pretenden vender, nin o Colexio, nin o PAC, nin sequera o cuartel da Garda Civil. E non poden prometelo por dous motivos: o primeiro é por que saben que e moi probable que nuns meses xa non estean na Xunta e o segundo, e máis importante, é que os servizos mantéñense segundo criterios demográficos, e por moito que o noso alcalde queira converter a Cerdedo nunha residencia da terceira idade, cando a demografía baixe os servizos marcharan tamén.

¿Logo cal é a solución a tan profundo dilema? ¿Unha fusión que o único que garante é manter os postos e chiringuitos que teñen montados ambos alcaldes nos concellos, sen aforrar un peso en persoal e aforrando menos nos servizos que se estivesen mancomunados na conca do Lérez?¿Ou a Conca do Lérez foi outro chiringuito?

¿Non será mellor pararse a pensar e facer o que non leva feito nos seus dez anos de xestión? É dicir, deixarse de piche e utilizar os recursos en políticas que dinamicen a economía rural, que fomenten o emprendemento agrario, que fomenten o cooperativismo, que promova o turismo rural, que poña facilidades para que os mozos podan emanciparse e vivir en Cerdedo, e dicir, deixar de malgastar o tempo e esforzos nunha quimera, nunha manobra política cun fin escuro e comezar a traballar para que os veciños do mañá teñan un futuro.

Se quixera, o señor Balseiros aínda estaría a tempo de cambiar de parecer, de darse conta do seu erro e comezar, esta vez todos xuntos, veciños e concelleiros socialistas incluídos, a remar noutra dirección para tentar facer rexurdir Cerdedo, correspondendo así o esforzo que fan todos os veciños que loitan a diario para forxarse un futuro no rural. Pero por desgracia, o seu cego enrocamento, sinala que hai tempo que o alcalde absoluto está resignado, que fai tempo que busca unha xubilación para si mesmo e coidados paliativos para que o noso Concello morra tranquilo, sen protestar moito mentres, dende o cadaleito, nos declara os demais inimigos do pobo.

Un alcalde absoluto que di que o seu concello non ten futuro, que o seu concello non vale nin para plantar toxos? igual ese alcalde é o verdadeiro inimigo do pobo.

*Portavoz do PSOE en Cerdedo

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine