Sen dúbida Lalín é un Concello que nos últimos tempos fixo unha aposta pola evolución dunha sociedade, que vivía baixo o mantra dun certo medo reverencial cara algúns persoeiros que partían do convencemento de que os nosos veciños e veciñas eran seres submisos a un poder sen visos de mudar.

Afortunadamente as urnas deron a posibilidade á nosa sociedade de respirar aire fresco, fronte a tempestades impositoras coas que tiñamos que convivir nos últimos anos. A evidente evolución da sociedade lalinense dende a década dos 70 pasou no último lustro a ser un sufrimento permanente producido por políticos moi ben remunerados dende diferentes administracións, aos que a torre de cristal de 15 millóns de euros do Concello facía perder o norte do servizo público para o que foron escollidos.

Estes días vin un dos episodios máis surrealistas da historia do noso Concello, cando para defenderse das sentenzas xudiciais contra o seu goberno, Crespo Iglesias permite a mediocres frustrados existenciais atacar ao seu pai político Xosé Cuíña, para intentar facer dano ao seu fillo biolóxico Rafael Cuiña, nunha situación por parte dos populares que so Berlanga sería capaz de recrear, para hilaridade dunha sociedade que observa con estupefacción como o Partido Popular de Lalín é capaz de atacar nada menos que a quen deu todo por eles, con tal de salvarse da queima das súas xa inasumibles desfeitas cos cartos públicos dos impostos de todos e todas.

Un xa está canso do recoñecemento a Crespo Iglesias pola súa labor como alcalde durante un tempo, e incluso de ter actitudes quixotescas como votalo para o Senado, cando intenta colgarse medallas que non lle corresponden, como se Lalín empezase a existir baixo a súa xestión, nun exercicio propio de tratamento de psicoanalista no que Crespo Iglesias semella disposto a "matar" ao seu pai político.

A inxente cantidade de cartos públicos que tivo de custe a neglixencia de Crespo Iglesias co parking público de Lalín, cuantificada en cerca dun millón de euros, o insulto reiterado aos veciños de Penacoba negándolles servizos que agora debemos pagar todos os lalinenses, ou a aparición de listaxes caciquís que demostran que en Lalín non eramos todos iguais á hora de acceder á posibilidade dun posto de traballo, son suficientes para pedir a dimisión de Crespo Iglesias como concelleiro, porque xa non pode representarse nin a si mesmo, desexándolle que o seu retiro dourado no Senado sexa por moitos anos, afastado da semente do mal e do rencor que pretende inducir nunha sociedade cansa da súa presenza política.

*Alcalde de Lalín