Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Lodeiro no Eixo

En 1965, ou así, elementos comunistas, daquela carrillistas, galeguistas, demócratas, mesmamente cristiáns, ocuparon a directiva do Real Coro Toxos e Flores, e abriron ciclos de conferencias. Nunha desas angueiras de idas a Ferrol e voltas a Vigo, un Lodeiro artisticamente incipiente e de regresa da emigración en Suíza pediume que lle xestionase algo cun cliente tamén relacionado coas actividades extra-musicais do coro que citei arriba. Iniciábase, así, o contacto, en rede moi fecheira, entre as dúas cidades metalúrxicas, navais, e fortemente implicadas nun entorno xeórxico e pescador: Ferrol e Vigo.

Logo estalou 1972 e o Eixo Vigo-Ferrol foi selado con soldadura autóxena e para sempre. Foi moi ben recibido en Vigo o actual alcalde de Ferrol no mitin electoral de En Maré, o mesmo ca o da Coruña e o de Compostela e outras e outros. Agora Ferrol fai memoria de Xosé Lodeiro, a figura céntrica do noso século XX que sempre se quixo apresentar ao mundo como "pintor de Vigo". Con grande acerto, os organizadores (Sala Carlos III, Exponor), resgatan da poeira dos storages os cadros dunha serie gloriosa e derradeira de Xosé Lodeiro. Resgatan as Flores do Mal, as Flores do Medo, as Flores do Silencia e da Grima. Un Lodeiro na forza da idade e da sabedoría produciu formas quen nunca quixera idear. Produciu flores, nun desafío arroutado a un dos modelos tópicos da pintura convencional de todos os tempos. Igual que o Bosco pintara inflorescencias imposíbeis e Rousseau fantasías florais paradisíacas, Lodeiro creou unha floración na que se agocha o sentido último dun tempo escuro e triste, que era o de 1995.

Despois de aquela exposición antolóxica que amosara o Lodeiro portentoso que dominou o fondo de ollo das nosas existencias, precisamente en Vigo, o artista, con quen tivemos ocasión de convivir nas súas diferentes eras plásticas, entrou na ánima doente das flores para amosar unha lírica, vívida disidencia. O Mal segue nas nosas sociedades, e seguimos estando en contra del. Volven vir, na luz imposíbel de dicir, do Noroeste de Galicia, as flores do Lodeiro final que sigue e seguirá inquietando, despois da súa morte e despois da morte de todos so que aínda vivimos. Vaiamos a Ferrol a ver as flores do noso amigo, que tamén son briosas.

Compartir el artículo

stats