Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tribuna libre

Ao alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz

Ante as declaracións vertidas recentemente en diferentes medios de comunicación polo actual rexedor do Concello de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, sobre o crematorio San Marcos instalado no polígono empresarial de Ponte Caldelas, e sobre a miña persoa, véxome na obriga de aclarar varios asuntos.

En primeiro lugar, esixo ao alcalde de Ponte Caldelas que manteña o máximo respecto ante unha decisión xudicial, emitida polo Xulgado Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra, na que, lémbrolle, se confirma que a licenza de obra concedida á empresa Sepelios San Marcos SLU para a construción dun crematorio axustase plenamente a dereito.

Dita sentencia, emitida o pasado 31 de marzo, non ordena nin revocar a licenza concedida, nin sequera subsanar posible defectos que houbese na súa tramitación, pois toda ela axustouse á legalidade vixente.

Pola contra, nesta licenza se expresa que a empresa, que eu represento, aportou no seu día todos os permisos e informes que lle foron solicitados, incluída a autorización medioambiental preceptiva outorgada pola Xunta de Galicia.

A realidade está expresada no contido desta sentenza. O Concello de Ponte Caldelas posúe un polígono industrial no que está permitida a instalación de empresas para o desenvolvemento de actividades industriais, e a actividade dun crematorio non está prohibida.

Así mesmo, lémbrolle tamén ao actual rexedor municipal, que un principio básico do Dereito Administrativo preceptúa que a licenza é un acto regrado, de concesión regrada, estando as administracións públicas obrigadas a concedelas cando concorran os requisitos legais pertinentes.

E en segundo lugar, esíxolle ao señor Andrés Díaz respecto cara a miña persoa e cara a empresa que eu represento. Pois de xeito implícito, os seus lamentables argumentos vertidos nos últimos días supoñen tamén un ataque directo a Sepelios San Marcos SLU, e iso non se llo vou consentir.

Somos unha empresa solvente que nos últimos anos experimentou un proceso de expansión importante, permitíndonos aumentar o número de traballadores da nosa plantilla. Esíxolle respecto cara os traballadores desta empresa que estanse a ver tamén afectados ante esta situación. Esíxolle respecto aos clientes de Sepelios San Marcos SLU, que a diario trasládannos a súa incomprensión e o seu apoio ante un rexeitamento orquestrado polo actual rexedor de Ponte Caldelas.

En fin, esíxolle respecto, pois a sentencia é clara, nun polígono industrial, como é o de A Reigosa, está permitida a instalación dun crematorio, polo tanto, os argumentos esgrimidos polo actual rexedor dende as pasadas eleccións municipais eran tan só falacias e mentiras co pretexto de lograr un puñado de votos.

Á vista da sentencia queda claro que o señor Díaz estivo enganando e está a enganar aos veciños de Ponte Caldelas co único fin de manterse ao fronte da Alcaldía. A vía da calumnia dificilmente levará ao señor Díaz a bo porto, polo que sería conveniente que deixase de mentir e tivese a valentía de recoñecer ante todos que dende un primeiro momento sabía que a localización do crematorio era legal.

Non teño pensado acudir á vía xudicial, que podería, pois o meu dereito ao honor e á intimidade estanse a ver vulnerados ante as continuas difamacións vertidas por este señor. Simplemente queremos, dunha vez por todas, poñer fin a esta polémica xerada polo actual rexedor de Ponte Caldelas, e que á vista da sentencia emitida caeu polo seu propio peso.

Se ben podemos chegar a entender a postura dos veciños, obviamente non podemos compartila por razóns que atinxen ao noso proxecto empresarial.

Pero no caso do rexedor, é necesario que comece a ser serio neste asunto, pois agora mesmo, cos seus actos e a súa actitude, a palabra alcalde quédalle grande.

*Xerente Sepelios San Marcos SLU

Compartir el artículo

stats