Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

AURIA

Ourense, "cidade de auga"

Non é novidade dicir que a auga e indispensable para o ser humano. Está na composición do noso corpo, representando ao redor do 70% da súa materia. Sabemos que non podemos sobrevivir sen este elemento esencial. Nese senso, a auga é sinónimo, símbolo de vida. Non é casual que gran parte dos rituais de iniciación relixiosos, nos que se inclúe o bautismo cristián, teñan como protagonista un ritual acuático. Os baptisterios, que soen adoitar a forma dunha capela dedicada a San Xoán Bautista, son esenciais nos nosos templos principais, nas nosas catedrais. Neles, como na de Ourense, tampouco é raro contar cun pozo.

Dende os balbucidos da nosa especie buscamos a proximidade da auga, onde sempre procuramos establecernos. Necesitamos da súa presenza. Cando non podemos controlar directamente este recurso esencial, almacenámolo -ás veces atesourámolo- en recipientes. Os primeiros, seguramente foron elaborados con materias vexetais. Despois, a partir do Neolítico, en cacharros cerámicos. Tamén se almacenaba en inxeniosas construcións -estanques, pequenas presas, pilóns- para gardar o prezado líquido.

Pero antes de nada é preciso obtela. Nos casos en que non xurde ata a superficie do solo, como ocorre coas das correntes de auga superficiais e as fontes, temos que extraela do subsolo, habitualmente por medio de pozos e minas.

As chairas de Mesopotamia son ben coñecidas polo nacemento da Civilización. Alí, no norleste da actual Siria, atópase o xacemento de Tell Seker al Aheimar, escavado por Yoshihiro Nishiaki, arqueólogo da Universidade de Tokyo. Ten unha antigüidade superior aos 9.300 anos e os seus restos poñen en evidencia a practica da agricultura por parte dos seus habitantes, unhas xentes que seguramente procedían das montañas de Anatolia. No decurso da campaña de escavación de 2008, apareceu un pozo de auga de hai 9.000 anos, un dos máis antigos coñecidos ata o momento.

Pero aínda anteriores poden ser os atopados cerca da cidade chipriota de Paphos, con estimacións cronolóxicas comprendidas entre hai 9.000 e 10.500 anos. Ao redor de 8.000 anos teñen os descubertos nos xacementos de Kissonerga-Mylouthkia e Shillourokambos, tamén en Chipre. Uns 7.000 anos de antigüidade proponse para o descuberto en Atlit Yam, non lonxe da costa mediterránea de Israel.

Na Península Ibérica o pozo máis antigo que coñecemos, duns 4.200 anos, atópase no xacemento da Idade do Bronce coñecido como "La Motilla del Azuer", cerca de Daimiel, en Ciudad Real. A partir entón, estas estruturas de captación comezan a ser comúns nos xacementos arqueolóxicos, como tamén nas casas actuais, sobre todo cando ou onde non chega a rede de abastecemento.

Vitruvio -Marcus Vitruvius Pollio- foi un arquitecto e enxeñeiro romano do século I a.C. que deixou varios tratados sobre a construción. A súa obra principal está formada por dez libros que tratan da planificación das cidades e os materiais de construción (Libros I e II), dos templos (Libros III e IV), dos edificios públicos e privados (Libros V, VI e VII), das medidas do tempo, reloxos e astronomía (Libro IX) e da maquinaria de construción (Libro X). Pero o que agora nos interesa, o Libro VIII, trata da auga. Nel ofrece uns métodos e consellos para atopala. Tamén fala da auga da chuvia, das augas quentes e da natureza dalgunhas fontes, ríos e outras augas. Da forma de coñecer as calidades deste elemento, dos métodos para nivelala e os instrumentos precisos para facelo, dos modos de conducila e dos pozos e cisternas.

Conta Vitruvio como para Heráclito o lume e a auga foi o principio de todas as cousas. Eurípides, sen embargo, afirmaba que o ar e o terra -e esta fecundada pola semente da chuvia celestial- enxendrara a especie humana e a todos os seres vivos. Pola contra, foi Tales de Mileto, un dos sete sabios de Grecia que viviron entre finais do século VII e mediados do VI a.C., quen propuxo que a auga era o principio de todo, o arché de todas as cousas naturais. O propio Vitruvio, na introdución do devandito Libro VIII, dicía o seguinte: "Concluíndo, xa que físicos filósofos e sacerdotes manteñen a teoría común de que en todas as sustancias naturais está presente a forza da auga como elemento constitutivo, pensei que, despois de expoñer a teoría da construcción dos edificios nos sete primeiros volumes, era conveniente tratar neste volume sobre a forma de descubrir a auga, as calidades que poda poseer segundo a súa distinta localización e os métodos para suministrala e comprobar previamente a súa calidade".

Na orixe da cidade de Ourense a auga tivo unha parte esencial. O dito tradicional das tres cousas que ten a nosa cidade que "non as hai en España", como saben, "o Santo Cristo, a Ponte Vella e as Burgas fervendo auga"-sempre quixen evitar citalo por archicoñecido pero como ven, foime imposible- aparecen as reminiscencias de tres factores clave na identidade da urbe ourensá: a ponte de orixe romana, un dos motivos que da lugar ao nacemento dun núcleo urbano con marcada función viaria. O cristo da catedral, que ademais de respostar ao mundo das crenzas e da fe, o lugar onde se atopa, a catedral, evoca os tempos pasados de señorío episcopal, da autoridade das dignidades eclesiásticas sobre a poboación civil. Finalmente e por suposto non menos importante, máis ben ao contrario como xa apuntaba o mestre Florentino Cuevillas, as fontes termais, que xorden entre o casarío histórico e o Barbaña, e que fan que Ourense se coñeza como "cidade das Burgas". E non é para menos.

Se nela existe un proxecto de investigación que teña como protagonista a auga, este é sen dúbida o que se está a desenvolver no espazo das Burgas. Seguramente os aspectos urbanísticos da recuperación iniciada polo Concello de Ourense na década de 1980 sexan os máis coñecidos polo público. Quizá tamén polos forasteiros que nos visitan.

Primeiro foi a construción da explanada entre a Burga Maior e a Burga Pequena, urbanización deseñada polo arquitecto Xosé Manuel Casabella López onde antes estivo o forno e panadería "La Canoniga". Previamente leváranse a cabo escavacións arqueolóxicas dirixidas por Alfredo Seara Carballo.

Logo foi o paseo e xardín que une a rúa das Burgas coa do Baño, xunto coa piscina termal exterior, ambas do arquitecto César Portela Silva. Esta última, a piscina, ocupou parte da devandita urbanización. Despois adaptáronse uns locais para acoller o Centro de Interpretación Arqueolóxico Termal da Cidade de Ourense (CIATCO), de creación e deseño municipal e centrado no papel das augas termais ao longo da Historia. Foi proxectado polos arquitectos Pablo Falcón Nóvoa e Manuel Jorreto Díaz. Ao mesmo tempo o arqueólogo-restaurador Miguel Angel López Marcos consolidaba e musealizaba os restos arqueolóxicos atopados, tal e como hoxe os podemos ver.

Nas escavacións dirixidas por Celso Rodríguez Cao, realizadas antes de todas estas obras, foi cando se descubriu o edificio relixioso termal con piscina que vostedes xa coñecen. Este, do século I d.C., foi construído durante a etapa romana. Tamén apareceron restos doutro tipo de edificios para usar a auga, con estancias calefactadas por medio de hipocaustos (sistemas de calefacción) e evidencias sobre a existencia dun caldarium (piscina de auga quente).

Estes últimos forman parte do mesmo complexo que as construcións que se conservan baixo o patio das "Josefinas", escavado no ano 1996 polo arqueólogo Luis Orero Grandal. Naquel momento xa se detectaran tamén estancias con hipocaustos e unha piscina.

Todo este conxunto que vimos de citar someramente, tanto o edificio de tipo relixioso como as outras instalacións con baños romanos de tipo hixiénico concéntranse polo momento neste lugar das Burgas que, ademais, e polo momento o único dedicado á utilización balnearia da auga na cidade antiga. E non só na Idade Antiga (que coincide a grandes trazas coa etapa romana), se non seguramente antes, na Prehistoria, aínda que só foran frecuentacións da contorna das fontes termais. Seguiron a utilizarse despois, ata a actualidade. Lembren a rúa do Baño, que delimita as fontes polo sur, e testemuña a existencia de baños medievais. Existen documentos dende os inicios do século XIII que dan constancia da existencia destas instalación xa en momentos anteriores.

Incluso as escavacións arqueolóxicas permitiron documentar un pequeno Santiago peregrino de acebiche, un "Santiaguiño" do século XIV, elaborado nos talleres composteláns, e que vinculan as fontes -e por tanto a auga- co mundo xacobeo, como tamén ía indicando a documentación histórica.

Máis as Burgas non son tan só auga. Son auga termal. Tamén auga sagrada. E consideramos que iso é importante para o seu significado e, por tanto, para a nosa cidade. É sagrada porque naquel edificio termal con piscina atopado detrás da Burga de Arriba apareceran, como xa lles contara noutras ocasións, seis altares -aras- do século I d.C. dedicados ao deus indíxena Revve/Reve Anabaraego. Non vamos incidir nel porque xa falaramos diso. Simplemente salientar que o achado está a falar da sacralización dos mananciais, das augas que brotan nesta fontes. E non só este deus. Sabemos que nela vivían outras deidades. Pensemos, como non, na ara dedicada aproximadamente un século despois por Calpurnia Abana Aeboso ás Ninfas destas surxencias.

Dende que temos noticia, especialmente a través da arqueoloxía, estas augas están fortemente sacralizadas. Máis o feito non conclúe co mundo clásico. Máis tarde, sen que poidamos precisar con exactitude cando, o carácter sacro continúa por causa doutro dos símbolos da cidade. Efectivamente, existe unha lenda moi estendida entre os ourensáns que atribúe os poderes curativos das Burgas a que o nacente está xusto aos pes do Santo Cristo da catedral.

Aínda poderiamos considerar en relación con este asunto, o emprazamento da Nosa Señora do Posío neste mesmo espazo, na fornela que existe na parede do devandito colexio das "Josefinas", como dicía a investigadora Olga Gallego Ramos, e que nesta contorna convértese na Virxe do Carmo.

Confiemos que futuras intervencións continúen a dar o froito agardado neste lugar onde a auga transformase directamente en Historia e, se as condicións e as estratexias son as axeitadas, nunha parte importante do futuro.

*Arqueólogo municipal de Ourense

Compartir el artículo

stats