Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Un día de furia

"Atlantic City", "As meigas de Eastwick"; "O cliente"; "Pena de morte"; "No val de Elah"... Con certeza que han de ser moitos, de entre Vdes. -sempre moi amables lectores destas crónicas semanais-, aqueles que seguen e admiran a carreira cinematográfica de Susan Sarandon. E con certeza, así mesmo, que tamén han de resultar dabondo os que coñezan e/ou compartan as actitudes progresistas manifestadas decote pola excelente actriz nacida en Nova York; sen ir máis lonxe, embaixadora da Unicef e da Fao; membro de Heifer Internacional, activista do "Occupy Wall Street" (isto é, os "indignados" norteamericanos).... De aí que, sen dúbida, deviñeron sobresaltados cando, hai apenas uns días, a inesquecible co-protagonista de "Thelma e Louise" declaraba diante das cámaras da MNSBC que, no caso de que finalmente resulte ser Hillary Clinton a candidata do Partido Demócrata nas eleccións presidenciais de EUA, fronte a Donald Trump, ela verase na necesidade de ter que revisar o sentido do seu voto.

"Non coida Vde., daquela, que é moi perigoso que Trump poida vencer?", preguntou o entrevistador, Chris Hayes. Partidaria activa da candidatura do senador por Vermont, Bernie Sanders, Susan retrucoulle: "Se ti pensas, Chris, que o pragmático é reforzar o statu quo, é que, entón, non estás en contacto co statu quo".

A pouco que Vdes. fagan memoria, poderán comprobar como o cinema adoita adiantar nos seus argumentos sucesos que logo -con máis ou menos desviación- veñen acontecer na realidade: sen ir máis lonxe, repasen a listaxe de filmes nos cales NYC, ou partes emblemáticas da mesma, constitúen o obxectivo non só de monstros, alieníxenas, meteoritos..., senón aínda de atentados terroristas. Por veces, Hollywood ten, fatalmente, a capacidade de exergar o futuro.

Pois ben; foi en 1993 cando, dirixida por Josel Schumacher, tivo lugar a estrea de "Un día de furia" ("Falling Down", no orixinal). Naquela ficción, Willian Foster/Michael Douglas viña ser un empregado dunha importante firma da industria armamentística que se ve atrapado nun monumental engarrafamento nas rúas de Los Angeles, camiño do día de anos da súa filla. A partir de aí, as cousas non deixarán de emperorar para el: estafado e ameazado por comerciantes desaprensivos, algúns dos cales nin sequera saben expresarse en inglés fluído; sentíndose desprezado pola xustiza; indignado diante dunha sociedade insolidaria que non lle agradece para nada que pasase a súa vida axudando a fabricar mísiles cos que defender o país diante dos bolxeviques; a mesma clase de xente, ao tempo, que si permite que un cirurxán plástico viva a máis hedonista dolce vita; afabado e esmagado perante a incomprensión de quen se nega a atendelo porque xa pasaron dous minutos do horario... En fin, branco de pel -con certeza, todo un "wasp"- e vestido cunha camisa de branco inmaculado, Billy estoupa. Nunha evidente analoxía co Travis Bickle/Robert de Niro de "Taxi Driver", e nun exercicio de dubidosa moralidade, esta especie de Ulises urbano, asulagado no medio e medio da traxedia, renega airadamente -mesmo con violencia pura e dura- perante o statu quo inmisericorde que o oprime. Chegados a este punto, a pregunta acode e sacode: estamos diante do retrato dun futuro votante de Donald Trump?

De Trump, acaso; pero así mesmo de Marine Le Pen, acérrimo defensor do "Brexit" ou simpatizantes desoutros -Partido da Liberdade de Austria, Vlaams, Partido Popular Danés, Unión Cívica Húngara...- que están a inzar Europa: todos eles a medraren, xustamente, como consecuencia do desencanto de moitos William Foster, pero tamén aínda doutros moitos que, aínda que a súa pel non sexa branca nin tampouco vistan unha branca camisa, levan anos procurando semellarse a William Foster sen demasiado éxito que digamos.

Xogan con lume, en efecto -e, de paso, con todos nós- os políticos do statu quo. Absolutamente convencidos -véxase, sen ir máis lonxe, a D. Mariano Rajoy e compañía- de que o conservadurismo dunha sociedade (aínda relativamente) opulenta e feliz de coñecerse a si mesma configura o mellor antídoto contra os "experimentos"; desprezativos sempre perante calquera alternativa de esquerdas; idólatras dos mercados; servidores submisos das oligarquías do (mal chamado) libre comercio... continúan a alimentar os seus cans de présa sen reparar, polo visto, en que tamén eles mesmos poden ser vítimas de dentes e de garras. É dese xeito, pois: considerándose a salvo de todo mal, como permanecen impasibles diante do ascenso do lado escuro, diante da xeira de Trump ou Le Pen. Oxalá, despois de todo, que aqueles que si nos estamos a preocupar, non sexamos máis que uns simples asustadizos, apocalípticos de sobremesa, pero... Pero de veras consideran que o cántaro non sei romper nunca?

Compartir el artículo

stats