Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

dende o meu sofá

Vendidos!

Europa iniciou este luns o proceso de devolución (¡!) de migrantes pactado con Turquía. En cada barco enviado viaxa o mesmo número de policías que de deportados; os policías vólvense, a mercadoría (seres humanos tratados como tal) queda.

O coñecido como "Pacto da vergoña" resúmese facilmente: Europa desprega en Grecia unha burocracia de 4.000 expertos en deportacións e paga a Turquía 6.000 millóns de euros nunha transación infame de diñeiro a cambio de dereitos. Turquía ingresa esta cantidade por recibir aos migrantes e de paso contempla feliz e contenta como se lle serve en bandexa de prata a entrada na UE.

Si; devoltos a Turquía. Ese país que nin sequera respecta os dereitos humanos dos seus propios cidadáns. 6.000 infectos millóns de euros nosos ingresados nas contas dun país onde se expresa manifestamente a desigualdade de xénero, onde o dereito á reunión pacífica négase na práctica (que llo pregunten aos participantes na última marcha do Orgullo). A Turquía! Futuro país membro da Unión Europea (verás!) a cambio de recoller aos que "nos sobran" por 6.000 deshonestos millóns de euros.

Isto é a consecuencia (unha máis) de erradicar de Europa o cristianismo que contribueu de xeito peculiar á súa configuración. Esquecidas as raíces cristiás que levaron a enarborar a bandeira da liberdade e a fraternidade só pode quedar desesperanza e nihilismo para nós e odio ou desinterese cara os demais. Esquecendo a Deus podemos asistir tranquilamente, sen xuízo maior nin presente nin futuro, a esta devolución de seres humanos; xa non hai razón para ver no próximo a un "outro eu" ao que garantir os medios precisos para vivir dignamente.

Vendemos a nosa dignidade e o noso ser por 6.000 nauseabundos millóns de euros a cambio de achegarnos, un pouco máis, ao nazismo do que outrora renegamos.

Dicía o filósofo ateo Habermas: É o cristianismo e non outro o fundamento da liberdade, a conciencia, os dereitos do home e a democracia, os cimentos da civilización Occidental. E a día de hoxe continuamos alimentándonos desta fonte. O resto son chácharas posmodernas.

Chácharas posmodernas penosas e "anatematizables". Chácharas postmodernas que nos levan a unha morte segura.

Que agardar desta Europa laicista esquecida das súas raíces? Nada. Á vista está. E seguen!

Schuman, un dos pais de Europa, afirmou que a liberdade asusta cando se perdeu o costume de utilizala. Neste prostíbulo barato no que algúns dos que mandan converteron a Unión, os que compartimos a mesma fe que os seus fundadores seguiremos utilizando a liberdade, sen asustarnos. Non imos aplaudir cunha soa man; desta volta non.

Noxenta!

Compartir el artículo

stats