Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Lobo e ecoloxía

Non me cansa explicar cousas sobre lobos. Creo que existe un importante descoñecemento e que a súa persecución é de todo inxusta. O lobo é un legado biolóxico e unha reminiscencia do que son os grandes carnívoros salvaxes da rexión Holártica. Pouca xente sabe quen é Ernst Haeckel e Ramón Margaleff, ambos considerados pais da ecoloxía. Ou Watson e Crick, pais da xenética moderna. Ou David Mech, referente no estudo do lobo da escola occidental, ou Dimitri Bibikov, un dos pais da escola rusa (Porque nisto tamén houbo Guerra Fría). Ao igual que poucos saben quen foi o Pai Sarmiento, o pioneiro no estudo da historia natural de Galicia. E nin é necesario nin importante sabelo para a maioría das persoas. Pero si para aqueles que nos movemos no ámbito da bioloxía, da ecoloxía e das ciencias da conservación. Tamén unha maioría adoita confundir o que son estes conceptos co movemento social denominado ecoloxismo e todo o que representa. Que son cousas distintas.

Toda a relación de artigos que veño publicando van asinados coma biólogo, e non coma ecoloxista. E asinados desta maneira con intencionalidade clara: aportar información obxectiva sobre o lobo. E información obxectiva significa trasladar o que a nivel científico se ten publicado sobre o que é un lobo, que se recomenda na súa xestión, e os erros que se están cometendo. E valoro que todos estes artigos son necesarios coma réplicas que tentan mudar a desinformación e descoñecemento existente. Pois non é moi correcto que se un explica, en base a valoracións biolóxicas contrastadas, que uns exemplares non resultan ser lobos e que son cans, pois, algúns fagan grazas dicindo que tal vez sexan gatos. Ou que cando un argumenta que hai teses que explican que facer batidas ou "controis poboacionais" de lobo, ou alimentar artificialmente á especie (como se fai na Culebra), resulta máis contraproducente, pois se diga que ocorrencias e que exerzo de inimigo e que lle fago dano ao lobo. O que defendo é o rigor no uso da información co lobo. Se outros non o fan, non teño culpa. En fin. Non vou entrar no debate sobre quen é máis ou menos ecoloxista, pois nin eu o abrín, nin me interesa, e polo bochorno que me produce.

O venres pasado a Xunta publicou o censo de lobo, o galego, non o do Ministerio, para o período 2013-2014, e con revisión do 2015. Xa temos datos oficiais. Algúns parece que non sabían disto. Tamén publicou a relación de danos de lobo por provincias, para o período 2010-2015. O censo di que hai 90 grupos, con 14 deles compartidos con outros territorios fronteirizos. So dicir que é complicado establecer unha comparativa co feito no 2003, por diferentes cuestións metodolóxicas e de esforzo. Sobre o número dado, dicir que os espertos galegos, na materia, indican que a poboación mantense estable. Que a tendencia da súa poboación non amosou nin un crecemento, coma algúns veñen alertando, nin un descenso considerable. Que está estancada.

Para a provincia de Pontevedra, detéctanse 2 grupos menos que no 2003. Pasase de 15 a 13. Na comarca de Deza pásase de 9 a 7 grupos, e eses dous que "faltan" na comarca aparecen desprazados cara as Terras de Tabeirós. Polo tanto, o censo máis actualizado indica que no Deza non houbo incremento da poboación. Mantéñense os grupos históricos, con lixeiros desprazamentos territoriais, algo que é lóxico na especie. Predicir o número de exemplares que conforman cada manda non resulta posible, pois descoñecemos o dato de mortalidade que acompaña á especie. Que debe ser alta, pois de non selo, teríamos rexistrado máis grupos, dada a estratexia reprodutora da especie, que en condicións idóneas coloniza fácil os territorios circundantes. Polo tanto, nin por asomo se xustificaría calquera tipo de control poboacional.

Tamén se publican os danos ao gando. E neste apartado, aínda que poida existir algunha lagoa de información, a que proporciona a Xunta resulta suficientemente orientadora para medir o alcance do problema. Na provincia nos últimos cinco anos rexistráronse dende os 285 avisos, no 2010, a 207 no 2015. O ano pasado o lobo causou na provincia a baixa declarada de 20 cabras, 44 vacas, 30 cabalos e 120 ovellas. Nesta sociedade que tanto gusta de levar todo a números, e aínda que non resulte moi apropiado facer cálculos de trazo groso, resulta clarificante facer unha estima económica dos danos. Pagando as reses mortas dunha maneira máis que xenerosa estariamos nunhas perdidas aproximadas de 66.000 euros para toda a provincia. Que facendo un reparto proporcional serían 5.000 euros do que lle correspondería por cada grupo, e xa postos, se cada manda son 8 lobos (cousa que non é, pero que o Ministerio computa así), cada lobo ocasionaría danos por 600 euros na provincia ao ano. Insignificante. Claro está que o gandeiro non debe correr con ese gasto. Para nada. Debe ser a Xunta quen o sufrague.

De todo isto, cada un que saque as súas conclusións sobre o problema. Eu, pola miña parte, sempre estarei aí para quen queira charlar sobre lobos.

*Biólogo

Compartir el artículo

stats