Cada ano o 2 de abril, e desde 2007 propiciado pola ONU, o movemento asociativo de todo o mundo celebra o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo (DMCA), coa idea de concienciar a sociedade sobre as persoas co Trastorno do Espectro do Autismo (TEA).

"Inclusión, tolerancia e respecto" velaí o slogan do DMCA, para este ano 2016, proposto por Autismo Europa. Este claim esta vinculado ao XI Congreso Internacional sobre o Autismo en Edimburgo e tamén aos proximos Xogos Paralimpicos de Brasil.

Pasados 9 anos desde a declaración do DMCA, a presenza do autismo foi aumentando dunha forma alarmante. Con toda seguridade unha das razóns sexa, a de que o termo "espectro" inclúe hoxe un bo numero de casos que anteriormente formaban parte doutras patoloxías. Porén, nin a calidade do diagnóstico e a cada día maior profesionalidade dos servizos ou a concienciación familiar e social, xustifican un aumento tan espectacular, que os americanos estiman con datos de 2014 de 1 caso por 68 nenos nacidos. En termos globais en España os TEA acadan a redor de 450.000 persoas afectadas, en Galicia 27.000 e na nosa cidade de Vigo 3.000, con poboacións aproximadas de 46.500.000; 2.700.000 e 300.000 habitantes respectivamente.

Non é nada fácil explicar estas cifras. Nacerían os nenos cunha alta predisposición ao diagnóstico? Que rol xogarían os denominados factores de risco ambiental ao longo do período pre-concepcional e do desenvolvemento do embarazo nas súas etapas iniciais? En calquera caso as causas do autismo son complexas e de orixe multicausais (neurobiolóxicas, xenéticas, ambientais...).

Así as cousas, ¿a que estamos obrigados? Socialmente ir cara unha sociedade inclusiva, que nos permita "convivir, contribuír e construír xuntos un mundo de oportunidades reais para todos", ao tempo que cadanseu de nós sexa responsable da calidade de vida do outro, aínda que ese outro é diferente de nosoutros. Por seguir dando cifras, máis do 80% das persoas con TEA están desempregadas. As investigacións indican que os empregadores están deixando fuxir capacidades que se presentan de forma máis habitual entre as persoas con TEA que entre os traballadores "neurotípicos", como unha maior competencia no patrón de recoñecemento e no razoamento lóxico, así como nunha maior atención ao detalle. Entre as trabas que se deben superar para desencadear este potencial atopamos: unha escasa formación profesional e un apoio insuficiente á inserción laboral e unha discriminación xeneralizada.

Para as persoas con TEA, inclusión significa diagnóstico, detección inicial, intervención integral, accesibilidade, atención sanitaria, educación, emprego, lecer, vida independente, xustiza e empoderamento de dereitos, investigación...

Unha sociedade inclusiva, tolerante e respectuosa é unha sociedade avanzada que valoriza a diversidade humana e fortalece a aceptación das diferenzas individuais.

Trátase, en definitiva, de ceder-lle o "testiño de cor azul" á sociedade, duns aos outros (o mesmo que fan os atletas nas carreiras de relevos) a través da campaña "pásaopoloautismo".

Tal como proclama, neste ano 2016 o Secretario Xeral das Nacións Unidas Ban Ki-Moon: "As persoas con autismo posúen naturalmente unha amplia gama de competencias e manifestan diversas esferas de intres, pero todas elas comparten a capacidade de facer do noso mundo un mundo mellor. As Nacións Unidas teñen o orgullo de promover o movemento de concienciación sobre o autismo".