Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

dende o meu sofá

Imposible nesta Europa

Esta decrépita Europa evidencia, unha vez máis, agora Bélxica, a súa incapacidade para facer fronte ao terrorismo islámico que, como calquera outro terrorismo, xamais aceptará as regras de xogo da democracia.

Certo que no sistema liberal no que se move Europa o ben último e determinante é a seguridade de cada cidadán e por iso os poderes públicos traballan para asegurarnos a protección contra o terrorismo. Pero isto non basta cando todo se edifica sobre o medo e a represión (aquí ou onde toque). É preciso construír unha nova civilización onde a atracción polo ben e pola verdade sexa o principal punto de apoio para garantir o clima de liberdade real que desexamos.

Penso que vai sendo horas de actuar pero con máis pragmatismo e menos paranoia. Sabendo que entre a teocracia e o laicismo obrigatorio hai un espazo intermedio dende o cal se pode proceder obxectivamente. Contra o terrorismo islámico non basta con condenar a "violencia irracional relixiosa" ao tempo que xustificamos e lexitimamos a "violencia racional secular". É curioso atoparse con algúns que seguen a defender esa manida e entretida falacia de que o problema está na relixión asegurando que ela é a maior fonte de violencia. Esta repelente mentira cae polo seu propio peso en canto advertimos que as "crenzas seculares" (léase comunismo, fascismo ou nazismo) nos agasallaron cunha visión da sociedade e do ser humano que provocou (e provoca) as maiores matanzas da recente historia do mundo. O problema non está na relixión, e na súa, disque, intolerancia e dogmatismo.

Se lle seguimos o xogo a todos eses que queren convencernos de que é a relixión a que provoca a violencia, o futuro próximo non será o laicismo senón a vitoria segura do fundamentalismo islámico; sempre coa axuda do pérfido, e tan de actualidade, pacto co nihilismo (negación de toda crenza e todo principio moral, relixioso, político ou social).

O problema desta guerra non está na relixión; a fe non é o inimigo a bater. É preciso acomodar pacificamente ás persoas que, dende lugares distintos, teñen dereito a vivir en Europa. Pero isto non será posible namentres non sexamos capaces de garantir a paz social e a liberdade; e isto non se fai insistindo no empeño de construír unha sociedade completamente nihilista, incrente, laicista e pechafronteiras que, lonxe de axudar á convivencia, non fai máis que incrementar a violencia. Á vista está: como mostra, outro atentado. Que será o próximo?

Compartir el artículo

stats