Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

España y sus colonias (y 2)

Día de Portugal, de Camões e das Comunidades, chámase a festa nacional dos nosos viciños. Os españois non saben celebrar a Cervantes e carecen dun organismo que una as antigas colonias, antes coñecidas como "Hispanidad". Hai persoas pouco informadas en Vigo que pensan que "Hispanidad" é apenas unha rúa. Cunden os españois enfurecidos porque galegos, vascos e cataláns manipulan, disque, a Historia de España. Pero o oficialismo dedica á manipulación da Historia a serie de TV máis cara das producidas ultimamente en España: "El Ministerio del Tiempo". Despois permiten que a representante de España en Eurovisión vaia cantar en inglés. Houbera conflicto no franquismo cando o goberno lle proibiu a Serrat cantar en catalán no mesmo certame! Os saharahuis do Polisario, leais, seguen a estudar o castelán. Iso a pesar da felonía que fixo España con ese pobo ao llo entregar ao despotismo pro-norteamericano de Marrocos. O goberno de Obiang, Tirano Banderas africano, achégase á Francophonie, ao seren os Fang transfronteirizos, debido á política poscolonial prepotente da Dirección Xeral de Asuntos para África do Palacio de Santa Cruz. España soe maltratar as súas antigas colonias porque está sometida ás normas que dicta o Departa- mento de Estado dos EE UU. Todos os gobernos portugueses reivindicaron a libertade de Timor Leste cando foi ocupado por Indonesia. Os españolistas de España non piden a independencia de Puerto Rico. Eiquí o goberno só se pon malencónico e se laia cando, digamos, os cataláns urxen a independencia súa do mesmo modo que o fan con insistencia os escoceses e os quebequeses. Do nacionalismo galego fan risión. "Caramba -comenta Pedro Sánchez- ¡sólo faltaba que los gallegos pidiesen también autodeterminación!". Así falou Sánchez despois do discurso, esencial e formidable, de Alexandra Fernández (En Maré) nas cortes españolas. En fin os EE UU teñen preso (preso político, oh) o patriota puertorriqueño Oscar López Rivera e nin a RAE nin o goberno español piden que sexa liberado. Rivera é un defensor desa lingua que aseguran que corre perigo de morte en Galicia, Euskadi e Cataluña. En realidade a España só lle preocupan os presos políticos cubanos, e non precisamente os que sofren tortura e situación absolutamente irregular en Guantánamo.

Compartir el artículo

stats