Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Rebentando comisións

Dicía alguén que se non aprendemos da nosa historia estamos condenados a repetila. Isto semella que está a ocorrer en Moaña co asunto do paseo marítimo e as carpinterías de ribeira.

Esta recén creada plataforma beiramar ten todo o dereito a protestar e realizar as súas reivindicacións da forma que crea máis conveniente, pero elixiu saltarse a democracia ás primeiras de cambio e ir a saco contra as institucións municipais de Moaña paralizando o funcionamento do Concello cando o consideran oportuno.

Alguén pode pensar que non pasa nada por rebentar os plenos e comisións, pero estes órganos constitúen a base do funcionamento democrático dun Concello, a través dos cales os concelleiros e concelleiras realizan o traballo de representar á veciñanza que os votou. Non deixalos falar é como taparlle a boca a todo un pobo. Agardo que esta intensidade nas protestas non agoche intencións mais aló de reivindicar o dereito a pasear pola beira do mar.

Eu pregúntome que pasaría se os ecoloxistas, ou os defensores da cultura marítima, eses chavales melenudos, bueno xa non tan chavales nin tan melenudos, decidíramos como estratexia rebentar os plenos e as comisións municipais cando o considerásemos oportuno. A resposta semella clara, de feito temos exemplos dabondo no Morrazo: caería sobre nós a indignación popular e seguramente todo o peso da lei en forma de multas, denuncias e pode que algún que outro pau no lombo.

Podo entender que nun momento de indignación se poida chegar a paralizar un pleno, ou incluso poden darse situacións desesperadas como desafiuzamentos ou despidos que xustifican accións contundentes, pero decidir por sistema que se vai secuestrar toda a vida municipal dun Concello por un asunto que pode falarse con calma, transpórtanos a tempos pasados nada democráticos.

Por último, penso que o valor cultural das carpinterías de ribeira está máis que recoñecido pola sociedade actual, ao mesmo tempo que tamén está recoñecido o dereito o goce da zona marítima. O importante agora e buscar a maneira de compatibilizar ambas cousas e xa haberá tempo para aparcamentos.

(*)Membro da Asociación de amigos de embarcacións tradicionais Os Galos e presidente da Asociación ecoloxista Anduxía de Bueu

Compartir el artículo

stats