Perdóeme o amigo Paredes por lle ter medio plaxiado o título do seu xenial artigo 'Ti vai fazendo' , recentemente publicado. Ben. Estou perdoado. Prosigamos:

"Cando o raposo anda ós grilos; malo para o pai, peor para os filhos". Noutras palabras: cando o Estado anda aballoado, outros aprópianse das súas funcións. Así pasou en 1808 cando os alcaldes de Móstoles declararon a guerra a Francia mentras o Estado (Fernando Felón VII) estaba en Baiona traizoando ós españois.

Arestora tamén o estado anda ás minchas, demasiado ocupado devolvendo favores a socios capitalistas, ampliando concesións... etc, e son os alcaldiños da mesma corda os que se meten a recompoñedores do territorio, coma aquel que xoga ó pincho, apadriñados de preto por un par de trepas que toman posicións na parrilla de saída ante a atrofia mental do Gran Líder e ándan os catro embarcados nunha surrealista fusión de concellos con non se sabe que extraño fin.

Pero as présas e ás improvisacións non son boas conselleiras e cométense erros de calado. Os atropelados plenos celebrados nos concellos de Cerdedo e Cotobade son ilegais a todas luces. Os concelleiros da oposición foron cominados a decidir sobre o inicio dunha fusión de concellos sen dispor do pertinente convenio de fusión nin ningún tipo de información alternativa ó respecto. Tampouco se lles permitiu incluir matices no seu voto. E nós somos testemuñas do pucheirazo.

Ten pensado a oposición impugnar eses plenos e parar esta tolemia ou tamén vai a optar polo " ti vai fazendo " que eu miro para outro lado? Abordarán este feito na vindeira intervención no Parlamento?

Se os tales plenos son ilegais haberá que paralizar o proceso, que se atopa en fase de exposición pública, e comezar de novo (ou esquecer este pesadelo como se nunca tivera existido. Sería o máis sensato)

Por certo, a fusión de Oza - Cesuras, que tanto se usa de exemplo, foi un auténtico fraude; unha estafa. Como o será esta. O peor é que, daquela, non haberá reclamación posible. E a cara de parvos que non vai a quedar de por vida, que?

E xa remato aquí que estes dous van lanzando chanchadas a todo aquel se opoña, critique ou, tan siquera, dubide do seu "marabilloso" invento.

Se me atopades por Cerdedo, faládeme sempre.

*Veciño de Cerdedo e membro da Plataforma Non á Fusión de Cerdedo e Cotobade.