Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Our Rolling Stone in Havana

Tal semella que foi o seu propio -e histórico- manager, Andrew Loog Oldham, o autor da célebre frase, aparecida primeiro nas páxinas de "Melody Maker", e logo amplificada por parte do "London Evening News": "Would you let your daughter marry a Rolling Stone?" ("Deixaría Vde. que a súa filla fose casar cun Rolling Stone?", transcrito sexa ao román paladino do noroeste ibérico). Desde mediados dos felices -ou non tanto; depende para quen- anos 60 deica a esta segunda década do novo milenio, pasou xa máis de medio século: unhas cantas horas e minutos menos respecto desoutra xeira que levan anotado as agullas do reloxo, cando aquel 9 de xaneiro de 1959 dediciron os barbudos que xa lle abondaba ao costume do delicto, de xogar á democracia, "sin cuidarse ni la forma/con el robo como norma", e de pretender transformar a Cuba nun garito arreo. Xa que logo, "se acabó la diversión/llegó el Comandante y mandó a parar". "Would you let your granddaughter ("your revolutionary granddaugher", para sermos exactos) marry a grandson of a Rolling Stone?", seica inquería de tal xeito, e nos pasados días, a portada do "Granma". Polo que se bota de ver; polo que se pode colixir, tal semella que o avó Fidel e mais o avó Raúl teñan levantado caducas interdicións. But it's all right, I´m jumpin Jack Flah/It's a gas, gas, gas!

Foi, á súa vez, por volta de xaneiro de 1998 cando aconteceu, segundo o bíblico relato asinado por Manuel Vázquez Montalbán -a quen as órbitas de todos os planetas lle sexan eternamente propicias- que Deus entrou na Habana. Ben; se non Deus -dito/escrito vaia con licenza do xenial Manolo e toda vez que, tendo en conta que posúe residencia de seu en todas as partes, o Altísimo nunca chegara a abandonar a verde terra de José Martí- si, polo menos, o seu máis destacado cónsul, representante, axente... no planeta Terra naquel momento: Xoán Paulo II, de solteiro Karol Józef Wojty?a. Unha vez que, de acordo co que pregoan ao tempo crédulos e mais incrédulos, ortodoxos e revoltés, sucede que onde transita o Un tamén acode o Outro, resultaban ser xa moitos, desde logo, dezaoito invernos/primaveras sen que os apoderados, xerentes, xestores... de D. Lucifer se deixasen ver polas proximidades do Malecón. Velaí, daquela, que, tras quedar demostrado que tamén os negritos (os bos negritos, vaia) americanos poden ir ao Ceo -Mr. Obama visitará a illa o 21 do mes que habitamos-, as Súas Satánicas Maxestades han de deleitar, catro días máis tarde e no estadio da Cidade Deportiva habaneira, a todos os mambises e mambisas, compays e chinitas guachinangas que por aló se acheguen. "Please, allow me to introduce myself:/I'm a man of walth and taste (...) Please to meet you/Hope you guess my name". Non se descarta, en consecuencia, que, emulando a esoutro diabólico á súa maneira, Ernest Hemingway, Mr. Michael Philip Jagger se decida a estampar a súa firma para a memoria e mais os selfies dos turistas: "My mojito in La Bodeguita, my daiquiri in El Floridita". E é que, digan o que digan por aí adiante, está máis que certo que a Revolución pode con todo!

Así e todo, a verdade é que non sempre fixeron bo caldo os revolucionarios e mais o rock'n'roll. De feito, e se a memoria e/ou o arquivo non lle fallan a este, seu, modesto cronista, mentres o Muro se mantivo en pé, tan só nunha oportunidade foron actuar os Jagger, Richards, Watts (e, daquela, os Wyman e Jones) do outro lado do Pano de Aceiro: concretamente, a cousa tivo lugar, e con escasa fortuna, na Varsovia de marzo de 1967. Outros dous intentos, na Unión Soviética desde mesmo ano e mais na China post-Mao (1971), non chegaron tan sequera a callar: "demasiado decadentes", foi a sentenza. E iso que, para o total abraio de Keith Richards, non faltou quen lles intentase colocar aos coitados chineses o gran calote: supostamente, "Salt of the Earth" -vaian consultar Vdes. a súa discoteca: a canción está en "Beggars Banquet" (1968)- viría constituír, nin máis nin menos, que todo un "himno á clase obreira mundial": "Let's drink to the hard working people/Let's drink to the lowly of birth (...) And when I search a faceless crowd / A swirling mass of gray and black and white / They don't look real to me": segundo o propio Jagger, "puro cinismo". En fin, mellor xulguen Vdes. mesmos. En todo caso, "Brown sugar" ou "Honky tonk women" seguen a petar en 2016, santa censura chinesa polo medio, en ferro frío.

Non lles podo agoirar a Vdes. que será/deixará de ser do comunismo no futuro; non obstante, o que si semella agora mesmo é que o rock'n'roll -contemplando como as xentes novas desertaron, e desertan, del- tal parece que poida acabar por converterse nunha nova variante do jazz: quero dicir que, a este paso, acabaremos por ter que escoitalo -o tempora, o mores!- en clubs e/ou espazos ad hoc. Algún deles sito nunha Cuba onde quen si mandan son Lennon e mais os Beatles? Así as cousas, non resultaría pero que nada extraño que, cando na noite da Habana, Jagger inicie as estrofas de "Satisfaction" (xa saben Vdes: "I can't get no satisfaction/I can't get no satisfaction!"), un barbudo espontáneo idoso, ataviado cun chándal colorista, suba ao escenario e lle retruque ao incombustible líder dos Stones: "¡Y yo tampoco, compay; yo tampoco!"

Compartir el artículo

stats