Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Non son lobos por...

O Ministerio de Medio Ambiente vén de publicar o censo do lobo. Para Galicia informa de 77 grupos seguros e 7 probables, dos que 7 serían compartidos con outros territorios. Sen entrar en detalle, algúns expertos cuestionan a súa fiabilidade. Estes son os datos oficiais, e con eles conclúese unha situación tendente á estabilidade da poboación. O número de lobos que hai en Galicia manteríase moi parello aos datos ofrecidos dende os finais dos 80. Son, en liñas xerais, os grupos que xa se coñecían. Aínda que non se publicou, sábese que a información para Pontevedra é negativa, detectándose só 11 grupos dos 15 citados pola Xunta no 2003. Nos últimos anos levamos escoitado, cunha insistencia desmesurada, que a poboación lobeira galega tíñase disparado. Agora o censo desminte esas informacións. O lobo, a pesar do importante repunte no uso de velenos (unha práctica que semellaba desterrada na década pasada), cepos e lazos, e caza ilegal, demostra unha extraordinaria capacidade de supervivencia.

Asistimos a tal grado de desinformación sobre o que é un lobo que o fenómeno está a dificultar, aínda máis se cabe, o modo de como poder frear os danos á vez de conservalo. Pode que está distorsión da realidade lupina téñase incrementado polo efecto das redes sociais que magnifican todo o concernente a el. Aspecto que tamén debe ser motivo de valoración. Sería ben que a Xunta, en aplicación dun caduco "Plan do Lobo", tratara de corrixir a animadversión e falsos mitos da especie. Así como asumir que teñen un problema de xestión, que é grave, por unha manifesta falta de vontade e non por que non existan modos e recursos para solucionalo.

Gustaralle saber ao lector que os cadelos retratados coma lobos campando pola estrada en Bodaño, e que activaron outra vez a alarma social, con voces demandando actuar ante tan "indignante panorama", nin eran lobos, nin vivían moi lonxe. Quen queira ver estes chuchos, felices e contentos, so ten que pasarse por Oirós a velos.

Como crítica a tódalas ocorrencias aparecidas, un queda pasmado pola tremenda desconsideración que existe cara os profesionais da conservación da fauna e flora salvaxe. A semana pasada, por defender que eran cans, tiven que soportar todo tipo de descalificativos sobre a incompetencia dos biólogos e semellantes. Que seica facemos moito despacho, pero que non coñecemos o monte. Vexo necesario recordar que o coñecemento relacionado coa conservación da biodiversidade está suxeita a unha grande complexidade e trátase de ciencia que se imparte e contrasta nas universidades. Que no caso do lobo a información científica resulta más que suficiente como para articular medidas fronte danos ao gando, incluso, sen necesidade de ter que matalos.

Quen entenda isto será tamén capaz de comprender o impropio que resulta afirmar cousas sen sustento e rigor. Cousas coma "os que estamos no monte somos os que sabemos disto", "a reprodución do lobo está cambiando", "os lobos, poñelos en reservas", "hai que darlles de comer para que non cacen", "a poboación é desigual", "que hai lobos por todas partes porque os soltan", todas elas suscitadas a raíz de informacións erróneas, son sorprendentemente validadas. Comentarios infundados que só alimentan, coma sempre, unha visión circense, propia de taberna, que lamentablemente caricaturiza unha ciencia tan digna e respectable coma é a ecoloxía da conservación, e que polo que se ve, tanta faltiña nos fai.

*Biólogo de Lalín e profesional da conservación da fauna e flora

Compartir el artículo

stats