Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Ramón Castro en Vigo

En xaneiro de 1959 xuntámonos no Commerce Bar (o Navy Bar de Manoel Antonio) para celebrar a cubaslibres a entrada dos revolucionarios do 26 de Xullo na Habana. Polas festas de Santo Isidro moveuse o Che por Madrid con outros compañeiros, todos de farda verde oliveira e pucha negra. Daban envexa os xarutos que queimaban os guerrilleiros na praza de touros de Las Ventas, en localidades viciñas das ocupadas por Orson Welles, Hemingway ou Ava Gardner.

Polo verán, achegouse a Galicia un irmán de Fidel Castro que non era Raúl, de quen tiñamos boa información. Era Ramón un home alto, de bon nariz, perfectamente rasurado e que vestía traxe e grabata. Parece que o obxecto da súa viaxe era estar cos familiares de Láncara e mais elaborar un informe político, xa que el tamén facía parte do Movemento 26 de Xullo, e antes estivera con Chibás no Partido Ortodoxo auténtico. Ramón Castro mantivo unha conversa con Valentín Paz Andrade no despacho deste. Logo visitou a Del Riego cando el aínda tiña acubillo na parte alta de Velázquez Moreno. Por parte, Ramón Castro tamén falou con Celso Emilio Ferreiro, aínda que o poeta non era militante político activo no verán de 1959. Celso Emilio coñeceu a Ramón a traves do consul de Cuba, Aníbal Santana, compañeiro seu de pesca con cana e tanza. Os días que estivo en Vigo, Ramón frecuentou a casa de Moisés Álvarez O'Farrill, presidente director xeral do grupo de Empresas Álvarez, cuxa familia era amiga dos Castro desde unha xeración atrás. Coido que Ramón Castro fixo algunha visita aos asteleiros, seguramente para interesarse pola posíbel construcción de "camaroneiros" para a frota cubana.

En resume, daquela falouse moito da presencia de Ramón Castro en Vigo e en Galicia. Pasado algún tempo, Aníbal Santana foi chamado ao ministerio de exteriores da Habana, para consultas. Non se presentou e botárono da carreira diplomática por deserción. Santana foi substituido por outro consul. Teño entendido que Ramón volveu máis veces a Galicia. Acabo de ser sabedor da súa morte. Deixou fama de home traballador e moi discreto, eficaz nos ramos do transporte e da agricultura.

Compartir el artículo

stats