Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

A condena ao esquecemento

Estamos a vivir momentos convulsos nos océanos da política. Escoitamos verbas sen consistencia ás que lles falta contido e lles sobra acidez. Porque cando a soberbia máis punzante convive co populismo máis básico, poucas solucións podemos agardar para os nosos problemas. As increpacións sustitúen á dialéctica, o adversario tórnase inimigo e a convivencia que eles deben procurar convírtese nun conflicto permanente que os nosos representantes teñen a obriga de evitar asperxelo entre a xente, de retiralo da area das relacións sociais. Nunca espallalo cara á sociedade na percura de réditos electorais nin persoais. Iso xa aconteceu en momentos pasados. As crúas consecuencias dos feitos acaecidos na década de 1930 aínda latexan entre nós, mesmo entre as xeracións que non os viviron.

Medra día a día a xudicialización dos actos políticos, con denuncias constantes. Tamén fóra deste ámbito, as concesión de méritos incoadas por uns que logo son desmontadas polos outros. Chégase a situacións especialmente duras que emerxen nestes conflictos, como a recente declaración de "persoa non grata" ao Presidente do Goberno de España na cidade de Pontevedra.

Máis, queridos amigos -desculpen a familiaridade no trato-, os nosos representantes lexítimos sonno en moitos máis aspectos do que pensamos. Reflicten as nosas cualidades máis do que nunha primeira vista parece. Non aterrizaron procedentes de Marte. Saen do noso colectivo, de nós mesmos. Nestes momentos de fartura colectiva causada en gran parte por acaloradas opinións e actitudes indignadas contra todas as ideoloxías políticas que enchen os medios de comunicación e as rúas, non podo menos que lembrar a George Bernard Shaw cando dicía que "A democracia é o proceso que garante que non sexamos gobernados mellor do que merecemos".

Non teño a menor dúbida de que se quero que algo cambie, debo comezar por mellorar eu mesmo. Cada un de nós comparte simultáneamente o papel de espectador co de actor na traxicomedia social.

Négome a crer que a tensión creada nas esferas da representación pública non busque réditos entre a poboación, en constante risco de trocar aos cidadáns instruídos na política en alentadores, en hooligans, dos desafortunados encontroazos dos que nos representan.

Máis, queridos lectores, aínda que o pareza, este texto non trata de crónica política. Quizá polo ata agora exposto nesta longa introducción, puidera parecelo. Non estou afeito a escritos desta índole, non porque non o considerese de interese. É máis como agora, sempre manifestarei o meu máis fondo respecto polos nosos representantes lexítimos, polos que chegan ás institución coa forza dos nosos votos, e non doutro xeito.

Por favor, non se sorprendan. Como é costume en min, falareilles de feitos do pasado, da Historia. Porque algunas situación como as que vimos de comentar lémbranme cousas parecidas que ocorriron hai moitos séculos.

Existían na antiga Roma costumes moi contundentes para castigar a honra dos gobernantes que se consideraban perxudiciales para o Estado. Unha delas, que por deshonrosa foi moito máis dura ca propia morte, era a damnatio memoriae, a condena da memoria ou a pena ao total esquecemento.

Non é fácil coñecer o número exacto de emperadores que sufriron esta medida. Calcúlase que foron alomenos trinta. Citamos agora algúns que seguramente son vellos coñecidos de vostedes, porque incluso chegaron a formar parte das lendas que emerxen interpretacións históricas non totalmente aclaradas. Así sucede con Calígula ou Nerón. Tamén, menos quizá, con Cómodo, Diocleciano ou Maxencio.

Dicíalles que non se coñece moi ben o número exacto porque, como ben di o investigador Alfonso Castro Saenz, a damnatio non estaba estrictamente recollida nas leis ata momentos moi tardíos, se non que era como unha disposición ou decreto extraordinario do senado á morte dos emperadores que consideraron nocivos para os intereses de Roma.

Máis, os efectos do castigo dedúcense de diversas accións para eliminar a efixie e o nome do damnificado: o piqueteado de epígrafes, o raspado de moedas, a decapitación ou borrado das caras das estatuas imperiais. Inclúso, como veremos nun caso moi próximo para nós, por localizarse na provincia de Ourense, a destrucción total das mesmas.

Cando José Manuel Roldán fala na súa obra "Césares" da Domus Aurea, a luxosa residencia inconclusa de Nerón, recolle que "Presidiendo el complejo, que nunca llegaría a ser terminado, se levantaba una colosal estatua de Nerón, de treinta metros de altura, revestido con los atributos del dios Helios, el Sol. Tras el suicidio de Nerón en el año 68 y la condena de su memoria decretada por el senado, toda el área se destinó al entretenimiento público, En su lugar surgieron el anfiteatro Flavio o Colosseum, cuyo nombre evocada la referida estatua...".

Sen embargo, contamos con evidencias arqueolóxicas de damnatio memoriae moito máis próximas a nós. Contareilles dous casos que se refiren ao emperador Domiciano (Titus Flavius Domitianus).

Un ten que ver coa inscripción conmemotariva existente, como lles contara noutra ocasión, na ponte de Chaves, a romana Aqvae Flaviae. Cando ela, no leito do río Támega, apareceu unha columna conmemorativa chamada Padrão dos Povos. Nela, seguramente da época de Vespasiano (Caesar Vespasianus Augustus), faise unha especie de homenaxe aos pobos que axudaron a construir a ponte, a varias autoridades romanas e, especialmente aos emperadores Vespasiano, Tito (Titus Flavius Vespasianus) e, orixinalmente, Domiciano.

E digo orixinalmente, porque existe un acordo entre os investigadores en atribuir un espazo que existe no texto ao borrado do nome de Domiciano. Lembren que, como lles contara noutra ocasión, entre os dez pobos ou civitates que aparecen na inscripción, atopamos os aebisocios. Posiblemente esta era a xentilidade da que procedía unha vella coñecida nosa, Calpurnia Abana Aeboso, a muller que lle dedicara a ara ás Ninfas das nosas Burgas de Ourense.

O outro caso que lles quero contar ten que ver cun achado no xacemento arqueolóxico de Aquis Querquennis, que como moi ben saben vostedes é ese campamento romano situado cerca de Porto Quintela (Bande). Alí apacereron uns restos moi suxerentes en relación co asunto que estamos a tratar. As escavacións realizadas polo equipo do profesor Antonio Rodríguez Colmenero exhumaron varios fragmentos dunha estatua de bronce, o que non é moi habitual. Máis, o contexto onde apareceron non deixou de sosprender aos escavadores. Foi no interior dunha cisterna existente no patio que separaba un grupo de barracóns da tropa.

O campamento fora erixido polos emperadores flavios -desta dinastía eran Vespasiano, Tito e Domiciano- para construir e dar apoio loxístico á Vía XVIII, que unía as cidades Bracara (Braga) e Astúrica (Astorga) polo interior da actual provincia de Ourense.

A publicación da "peza do mes" Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense correspondente a decembro de 2010, cuxo texto redacta o director da institución, Xulio Rodríguez González, fai referencia a este asunto. En efecto, o feito de que aparecese nunha cisterna e que fose o único emperador flavio condenado ao esquecemento polo senado, condúceo a identicar os restos como pertencentes a unha estatua do emperador Domiciano, que gobernou entre o 81 e o 96 d.C.

Entre as condenas ao esquecemento, quizá a deste emperador foi a máis coñecida. Dela falan, ademais doutros, Lucio Celio Lactancio, escritor norteafricano apoloxista dos cristiáns, Plinio O Xoven ou o propio Suetonio.

Afortunadamente para nós, a memoria puido máis que a damnatio. E digo esto porque penso que debemos gardar na memoria histórica todo o pasado, os feitos que contribuiron a que melloraramos como sociedades humanas que somos, e os acontecementos tráxicos. Por sorte a Historia non permite que caian no esquecemento os tiranos pretéritos, agardo que tampouco os do presente, porque constitúen unha permanente lección que en determinadas ocasións compre sacar á luz antes de que batamos outra vez na mesma pedra.

En todo caso, tamén a Historia está a rehabilitar a antigos damnificados, ou polo menos a relativizar o efectos das súas accións, que gran parte da historiografía tradicional consideraba execrables. Pero destas cousas falaremos noutra ocasión. Agora só consideremos que os actos analizados nunha determinada época ou dende unha ollada específica poden ser vistos doutro xeito en épocas distintas ou dende contextos ideolóxicos e sociais diferentes.

*Arqueólogo municipal de Ourense

Compartir el artículo

stats