A inserción laboral da xuventude é un medio básico de inclusión na vida social e, ao mesmo tempo, de prevención da exclusión da mesma. A dispoñibilidade de traballo remunerado constitúe un factor determinante para acadar a emancipación económica e familiar, así como para forxar o desenvolvemento da identidade persoal e fortalecer o benestar físico, psicolóxico e social. Tradicionalmente, este sistema baseouse na premisa de que un bo currículo educativo e formativo garantía un bo emprego e unha próspera carreira nunha boa empresa, toda vez que o mundo se rexía pola estabilidade característica dunha economía da certeza e da seguridade. Polo tanto, non era estraño obter un traballo estable e un oficio para toda a vida que materializaba a formación recibida. A partir das responsabilidades produtivas podían consolidar progresivamente a súa emancipación e construír a súa independencia ao longo das transicións do sistema formativo regrado ao mercado de traballo e do fogar familiar a unha vivenda separada.

Porén, na actualidade, o mercado do traballo experimentou unha dramática transformación que, á súa vez, mudou o conxunto das relacións laborais, xurdindo novos desafíos respecto da articulación do binomio xuventude-traballo. En concreto, o emprego estable cedeu o papel protagonista ao traballo precario e ao subemprego; unha condena de contratos temporais para desempeñar minijobs que configuran traxectorias profesionais inestables e fragmentadas, con fases recorrentes de desemprego e que en moitos casos están desvinculadas dos estudos cursados. A situación de incerteza e inseguridade fai que moitas das persoas que teñen emprego teñan medo a perdelo e moitos dos que o buscan teñan pouca esperanza de atopalo a medio prazo. Neste marco, lonxe das expectativas mileuristas, a nova referencia salarial no mercado de traballo é o Salario Mínimo Interprofesional. Xorde así a figura da pobreza con traballo: unha situación na que o salario non garante unha vida digna nin permite saír do limiar da pobreza. Por iso, como consecuencia dos seus baixos ingresos xunto coa ausencia de perspectivas laborais máis prósperas, a xuventude marcha máis tarde do domicilio familiar, prolonga a súa etapa formativa e engrosa a bolsa de exclusión social.

Curiosamente, prodúcese o paradoxo de que o grao de cualificación académica post-obrigatoria que reúnen os pobres con traballo, a súa facilidade para acceder á cultura e ao coñecemento global, a súa competencia en idiomas, ou o seu dominio dos medios tecnolóxicos son indiscutiblemente maiores que os dos seus predecesores. Esta mellora dos niveis educativos en lugar de traducirse en melloras na súa empregabilidade, provocou un problema de sobrecualificación; é dicir, unha situación frecuente na que un traballador desempeña empregos por debaixo das súas expectativas profesionais e do seu nivel de formación. Dende unha perspectiva psicolóxica, esta ditadura do subemprego e de sobreeducación xera unha profunda sensación de inxustiza, frustración e, incluso, fracaso persoal. A realidade do mercado de traballo non se corresponde coas expectativas xeradas ao inicio da súa carreira académica. Sen formación non lograrán acadar a desexada integración laboral, pero prepararse non é ningunha garantía. De feito, non hai suficientes oportunidades laborais e empresariais de calidade, non se recoñece no mercado o nivel de estudos acadados, e as condicións das ofertas de traballo non permiten establecerse de modo independente. Esta frustración profesional, ademais, deriva en menor satisfacción laboral, baixa produtividade, menor integración na empresa, e máis rotación. Como resultado, terán una baixa proxección de futuro, un peor desenvolvemento da carreira profesional, un crecemento profesional tardío e en postos de traballo por debaixo das súas posibilidades e, traxicamente, a migración a outros países en busca de salarios máis competitivos.

Indubidablemente, o emprego seguirá sendo unha aspiración importante para a inmensa maioría das persoas, tanto novas como adultas. Pero un sector importante da xeración máis formada da historia está sentenciado a unhas condicións de vida e de traballo cualitativamente inferiores ás dos seus pais, e a súa participación no mercado de traballo que só se convirte en benestar social se existe a presenza dunha fonte de ingresos principal dentro do núcleo familiar tradicional. Esta externalización da responsabilidade sobre o fogar de orixe permite que o risco de pobreza entre emancipados e non emancipados sexa semellante, xa que a emancipación aprázase hasta que se acumulen recursos suficientes. Con todo, reverter esta situación debe ser unha cuestión prioritaria para non desleixar o presente e o futuro da xuventude, e da sociedade en conxunto. O investimento realizado para capacitar estes mozos e mozas esixe un verdadeiro esforzo na retención do seu talento e solucións eficaces para a súa plena integración no mercado laboral.