Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Os males da ría

A ría de Pontevedra é un lugar especial, un entorno singular que non pasa desapercibido para o visitante. Non sorprende polo tanto o feito de que estas augas e as fermosas vilas mariñeiras que se atopan a ambos lados da ría chamaran a atención de escritores da talla de Valle Inclán ou Luis de Góngora, quenes se inspiraron nesta paisaxe para elaborar algúns dos seus poemas máis destacados. Quizais por este motivo, pola importancia que a nosa ría ten dende antigo, sorprende o "maltrato" ambiental ó que esta foi sometido ó longo das últimas décadas. Sen dúbida o golpe máis duro foi o provocado pola fábrica pasteira de Ence, situada na marisma de Lourizán, que leva case sesenta anos vertendo á ría residuos contaminantes que danan seriamente o medio ambiente. Nos últimos días voltouse a falar deste despropósito ambiental logo de coñecerse que o presidente do Goberno en funcións, Mariano Rajoy, foi nomeado persoa "non grata" polo concello de Pontevedra, a súa cidade natal. O motivo que desencadeou esta medida foi a prórroga que o Ministerio de Agricultura ven de conceder á empresa Ence e que lle permitirá seguir en activo durante sesenta anos máis. A decisión do pleno pontevedrés, aínda que dura, parece bastante xustificada se temos en conta as consecuencias que se derivan da citada prórroga.

En primeiro lugar esta medida supón burlar as advertencias de organismos coma Greenpeace ou a Asociación Pola Defensa da Ría que durante anos se encargaron de advertir dos danos ambientais dos que a fábrica de pasta de papel é responsable. Por outra banda esta decisión semella un insulto á intelixencia dos cidadáns, xa que os texemanexes que Goberno e Xunta tiveron que facer para lograr esta prórroga son dignos de estudo. Así, a modificación da Lei de costas que o Goberno levou a cabo no 2013 unida a un informe ambiental favorable elaborado pola Xunta, permitirán que a "Papeleira de Pontevedra" siga contaminando a nosa ría durante sesenta anos máis. Unha decisión cando menos sospeitosa sobre todo se temos en conta que a empresa Ence conta no seu Consello de Administración con tres excargos do Partido Popular.

Sabiamos que a sensibilidade ecolóxica non é precisamente unha das maiores virtudes do señor Rajoy, como quedou de manifesto na calamitosa xestión da catástrofe do Prestige. Se no caso do petroleiro saíu a relucir a incapacidade do señor Rajoy e os seus compañeiros de Goberno para a toma de decisións en momentos críticos, o caso Ence está sacando á luz as verdadeiras prioridades do noso presidente. Está claro que os intereses económicos están moi por riba dos ambientais e as consecuencias deste forma de proceder son de sobra coñecidas.

Agardemos que as novas autoridades políticas actúen o antes posible para evitar que Ence nos siga avergonzando ó longo das vindeiras décadas. As nosas rías, o noso mar, xa sufriron durante demasiado tempo os efectos da torpeza humana. Vai sendo hora de comezar a mimalas como se merecen.

* Mestre de Lalín.

Compartir el artículo

stats