Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

Rebaixas e mundo feliz

Nos últimos tempos descubrinme como un voyeur insatisfeito e pertinaz, que asiste perplexo ao espectáculo de centos de mans escaravellando, rebuscando, agarrando e sostendo con ar de triunfo prendas e máis prendas, de entre a montoneira de roupas e carteis anunciando en enormes caracteres tipográficos de cor vermello chirrriante, tantos por cen de "rebaixas", en calquera destes supermercados da falsa ilusión, creadores de satisfaccións en fantasías e mentiras; das grandes superficies de ocio e molicie, nos que nos perdemos, e mesmo algúns matamos o tempo, incapaces de comprender que non hai mais absurdo e cruel que "matar o tempo", polo demais algo certamente improbable, por non dicir imposible, xa que en primeiro lugar, o tempo como tal, non existe, é unha utopía, un empréstito que añoramos e nos fascina crer que é ilimitado, e en segundo lugar porque resulta unicamente un instante, algo ilusorio, a grande mentira de vivir, unha oración material que transita entre o intre no que saímos do cálido ventre de nosa nai, asomamos a cabeza ensangretada entre as súas pernas e lle dicimos: Ei, mamá, que xa nacín, que estou aquí e son un neno ou unha rapariga, e o derradeiro suspiro, o postreiro alento co que nos enfrontamos ao baleiro, o silencio, o medo da morte.

Non hai nada máis atractivo que ver como toda esta xente busca e rebusca, mergulla e se somerxe unha e outra vez nas súas propias frustracións, na procura doce e íntima daquel pantalón que non marca barriga, ou esa blusa que se cingue demasiado e deixa entrever máis do que o decoro e decencia aconsellan, quen sabe. É como unha obsesión, unha declaración implícita de debilidade, de desacougo consigo mesmo e os demais.

Comportámonos como corvos atraídos por obxectos relucentes, ratiñas presumidas en pos da musica da frauta máxica de calquera frautista de Hamelin, transformado nun cartaz publicitario, campaña de marketing, promoción ou vendas en forma de fabulosas rebaixas, a creme da creme do consumo, nas nosas sociedades occidentais e globalizadas nas que os de aquí mercamos compulsivamente o que fabrican os de ala con salarios de fame, escravitude e ausencia total de dereitos, de presente e menos aínda de futuro, por obra e graza de empresarios audaces en pos dos beneficios ilimitados capaces de comprender a golpe de talonario, que aquí imos comprar unha e outra vez todo o que os do terceiro mundo fabrican, producen, manufacturan, ou como se queira dicir, sen rechistar, por un prato de arroz.

Este é o éxito desta economía neoliberal capitalista e globalizadora que nos venden os mercados e os seus insignes representantes, e diante do que unha e mil veces facemos como o avestruz ante o perigo, agochamos a cabeza debaixo da ala, e deste xeito ollos que no ven corazón que non sinte.

Estamos habituados, é natural, non causa sorpresa e vai con nós nesta viaxe de vida e codiciamos todo isto que se o pensamos ben nos resulta inútil, e non precisamos, pero nos produce, como calquera outra droga, un estado de seudo felicidade, unha dependencia e un síndrome de abstinencia do que ninguén pode escapar.

Compartir el artículo

stats