Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Fusión nuclear en frío

Chano Pinheiro, o xenial forcaricense, faría unha gran película co argumento surrealista da "fusión" dos concelhos de Cerdedo e Cotobade. Sería unha historia do rural profundo coas súas xentes, paisaxes, tradiccións e un par de caciquinhos da velha escola urdindo xudiadas varias e que atenden por Balseiros e Cubelinha, respectivamente. Arestora, Balseiros e Cubela van polas aldeas espalhando a boa nova ante os asombrados vecinhos, cantando as excelencias da tal "fusión", saíndo a dobre prana na prensa da capital para contar na villa et corte o que tanto tempo ocultaron ós seus paisanos. Estas campanhas mediáticas custan cartos que, naturalmente, pagarán os dous concelhos. Pois si que comeza ben a "fusión"!

O pasado venres, Balseiros cantaba as alabanzas do invento na casa do povo de Pedre ante unha escasa ducia de vecinhos. Un deles díxolhe que non se fundía con Forcarei (que sería o lóxico e natural) porque non se levaba coa alcaldesa Belén Cachafeiro. El insistiu en que lhelo propuxera cen veces e que ela negouse. Esa mesma tarde, a través das ondas da cadena Ser, todos oímos a Belén dicir que a ela xamais lhe propuxera tal cousa. Quen minte? Hai unha gran diferencia: Balseiros díxoo ante un grupinho de vecinhos en petit comité e a de Forcarei espalhouno por radio por toda a provincia. O máis curioso é que había pouco máis dun ano, Balseiros acudiu a este mesmo lugar co argumento oposto. Daquela intentaba engordar o censo con vistas ás futuras eleccións. E non era a primeira vez (conservo os bandos). O caso foi que dicía que coa perda de poboación desaparecería o concelho e os correspondentes servizos e que convenceramos a amigos, conhecidos e demais familia que vinheran empadroarse en Cerdedo aínda que fora de xeito provisional. Intentaba inchar o censo, que non fixar povoación. Iso nunca lhe preocupou. Mal sabía el que o cómputo do censo faise un ano antes dos comicios. O que é de xusgado de garda e que ó tempo que nos estaba relatando os horrores dunha fusión, levaba un ano intrigando na sombra coa fusión con Cotobade! Pero que é o peor de todo? O peor é que os que lhe aplaudiron a tese anti-fusión son os mesmos que agora lhe aplauden a tese pro-fusión. Toma criterio!

E se fose unha fusión... Isto é unha absorción. O peixe grande que come ó pequeno. Balsi vendendo o que non é del ó seu amiguinho dabaixo. E Cubelinha todo cheo de razón de timonel pois "barco grande, ande non ande", que di o refrán.

Cando vin a foto dos catro colhidos das mans pensei que era unha parodia da foto dos Açores pero o primeiro que me veu á cabeza foi o cantar do gato: "Xuntáronse catro un día/os máis brutos deste barrio..." Que grande o Fito! Canto o boto a faltar!

A pretendida fusión de Cerdedo e Cotobade é, como dicía un velho amigo meu, "intentar cruzar un porco cunha cabra no mes de maio". Pero todo é posíble habendo gheta.

O Cubelinha é bo rapaz e anda fascinado cos parabéns dos seus adeptos pero... olho! Tamén sabe calificar as críticas de "declaracións belixerantes". Coma así, o rapaz está contento pois Cerdedo apórtalhe un electorado típicamente conservador que lhe ven de perilla.

Lembro unha ocasión en que o difunto Cuínha quixo ponher a Marín na comarca de Pontevedra e os de Marín case o linchan. Eran outros tempos en que a xente non se deixaba bacilar.

Como será o escudo do novo concelho? O agnus dei a carrancholas do canón de pau?

De remate, quixera proporlhe algo ós promotores deste enxendro. É un xogo de palabras. O nome do novo concelho comporase coas dúas últimas sílabas dun e as dúas primeiras do outro e dicir: DEDOCOTO. E xa por último dicir que isto da fusión non é nada novo: Balseiros leva anos fundindo a Cerdedo.

*Veciño de Cerdedo

Compartir el artículo

stats