Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Eco acolá

Acórdanme os días en que apareceu Eco nas nosas viaxes, nos libros, nas revistas, na conversa pedante, no medio das discusións. Chegou en parella, pois soía acompañalo Julia Kristeva. Non se tratou dunha convivencia senón de dúas vidas paralelas, que axiña foron diverxentes.

Kristeva desceu ás criptas sombrizas da psicanálise e Umberto Eco decidiu refundar a novela de alta cultura en días de Paulo Coelho. E seguimos con Eco, unha consecuencia espectacular e tardía da influencia daquel "Curso de Lingüística Xeral" de Ferdinand de Saussure que modificou as mentalidades. Despois de Altusser, despois de Lacan, naturalmente moito despois da fabricación da regularidade sen fisuras que chamamos Fonoloxía, veu a semiótica. Umberto Eco construiuna, construíndo, ao mesmo tempo, os seus lectores. Calquera día, Eco ollou para si e sóubose dono de todas as estorias e de todas as técnicas narrativas e de infinidade de linguas e de todas as filosofías e de varios sistemas estúpidos de pensamento. Borges tamén tiña propiedades particulares deste tipo, pero sempre foi caquéctico e meniño sen forza. Umberto, colosal, era unha mente patagruélica, hiperactiva, inmensamente divertente e universalizante. Decidiu escribir os romances, as novelas. Tiña un plan: escribir novelas en dous, tres, máis niveis. Un para cada grau académico ou de coñecemento do referente no que se inscribía a fábula. Á final, o lector perfecto da narrativa de Eco só podía ser Eco ou un dobre seu. Daquela Eco seduciu infinidade de lectores persuadidos de que eles comprenderan todo "o nome da Rosa". Por iso, se sentían moi gratificados.

Nas "Postille" a esta novela verdadeiramente xogoral (na que os compostelanos rancios achan a menos os seus tristes cónegos), Eco fala de "construír o leitor". Non o afaga, non o aloumiña. Eco castiga o leitor no fígado marcándolle as pautas de lectura, até que o amansa. O humor de Eco, en narrativa, e a súa capacidade ilimitada de sátira, provoca, por veces, o riso aberto. No "Péndulo", o autor converte en puré todo sectarismo esotérico e a totalidade das vanas observancias do século XX e XXI. Non importa: segue a haber Templarios e milleiros de pais non aceptan as vacunas. A Gnose de Princeton espreita e non dorme.

Compartir el artículo

stats