Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

O gran concello de Deza

"A miña leiriña que ninguén ma toque". Ese é o proxecto político da maioría dos alcaldes de Deza. Manter a identidade municipal independentemente da capacidade que teñan para satisfacer as necesidades máis acuciantes da poboación que gobernan. "Non vaia ser que se me acabe o choio".

Un proxecto intelixente sería aquel que buscara superar a grave situación económica en que se atopan varios municipios da comarca provocada pola perda de poboación que conleva a unha minoración dos ingresos procedentes do Estado, ao igual que os derivados de impostos propios. Tan só se me albiscan dúas maneiras de atallar o problema e non incompatibles entre si.

A primeira, pelexar diante do goberno do Estado por unha nova financiación local, que teña en conta as singularidades propias dos municipios galegos: a dispersión e o envellecemento da poboación, fundamentalmente. Por exemplo, non ten o mesmo custe unha traída de auga ou un servizo de atención domiciliaria nun concello galego con moitos núcleos de poboación e dispersos entre sí, ca noutros do resto do Estado con poboación concentrada en poucos núcleos. Nesta medida algún senador da comarca tería un traballo interesante..., dubido que o leve a cabo.

A segunda medida ten que ver coa unión das sinerxías propias. Agrupar centros de decisión política que aforren burocracia sen menoscabo da eficacia dos servizos que recibe a poboación, máis aínda, que satisfagan necesidades que actualmente non están cubertas por falla de solvencia económica.

Pero esta medida parece que a penas ten partidarios entre os alcaldes de Deza. Curtos de mira e temerosos eles de que lles fagociten a súa parcela de poder. A súa leiriña, onde o control clientelar é moi doado. Posibelmente estén mancados polo feito de que a idea partira xa hai anos de Lalín dando a impresión de que o grande se quería comer aos pequenos, e de seguro que razón non lles falte. Un erro de estratexia que vai abocar ao crac económico e á insolvencia dos concellos pequenos. Mais, unha medida destas características é precisa. Baseada na idea dos vellos galeguistas (Castelao) que pretendían a eliminación das deputacións para traspasar as súas competencias a entes que englobasen o territorio comarcal e coa potenciación da parroquia como ente básico. Adaptándoa ao momento actual.

Un concello para todo o Deza que dea servizos desconcentrados ao longo do seu territorio sen un centro administrativo único, senón varios en rede, cunha elevada eficacia da administración electrónica, que non supoña sacrificios á poboación, senón, ao contrario, que satisfaga servizos actualmente non dispoñibles pola falta de financiación municipal. Os seus eixos básicos serían a desconcentración administrativa e de servizos (non se trata de que a poboación teña que desprazarse a distancias maiores para solventar trámites administrativos. Ao contrario, desprazando a funcionarios e traballadores municipais a aldeas e parroquias, ou sexa acercando a administración ao cidadán). E a concentración na toma de decisións políticas onde se aforren gastos de goberno e camarillas asesoras.

Tendo sempre presente a potenciación da identidade local, tanto no que representa ao actual territorio municipal como á parroquia. Non se pretende que ninguén deixe de ser cambote ou aqualantense ou de trasdeza, para ser lalinense. Todo o contrario. Dezá ou dezao. Unir sinerxías para vivir mellor.

*Veciño de Brocos (Agolada)

Compartir el artículo

stats