obituario

Ao máis grande, ao mellor

28.02.2016 | 03:58

Benquerido Luis Taboada, grandísimo amigo da alma, non é doado escribir esta carta polo que supón... E supón que ainda que eternamente estarás con nós, sempre presente nos nosos corazóns, xa non poderemos desfrutar da túa inigualable compaña. Da compaña única, de calidade que so ti podías regalar. Porque certamente coñecerte era un verdadeiro regalo, o maior dos regalos é ser teu amigo, o maior honor.

Que dicir, LT(así te chamabamos e chamaremos sempre), que dicir de ti que non soubese ben toda a xente que tuvo a enorme fortuna, a descomunal bendición de atoparse no teu camiño. Direiche e direi de ti que falabamos estes días, de que atopar a dúas persoas coma ti nunha soa vida é imposible, simplemte imposible.A Deus grazas hai moita xente de ben, de grande corazón, que iluminan a vida, pero, non obstante, o noso Luis Taboada, o grande e querido LT son palabras maiores, moi maiores.

O LT noso e de todos, pois non facía falla coñecerte para que tiveses un xesto de ben, de xenerosidade e alegría con calquera. Todos contamos anécdotas de como estando ao teu carón, en calquera lugar, sin coñecer previamente a unha persoa, acababas meténdoa no bolsillo nun intre. So unha palabra, unha desas inesgotables xenialidades túas, facía que o maior dos descoñecidos se convertese enseguida nun amigo que te coñecía de toda a vida e que che quería ben. E tamén saben ben todos os que te coñecían que non esaxero nin o máis mínimo. E máis, sei que, diga o que diga, quedareime curto. Seino con absoluta certeza.

Home de ben e honesto a carta cabal, cunha forza e un inxenio so o alcance dos elixidos (como ben di Andrés, "de onde sacará esas ocorrencias tan brillantes, tan incribles?"), sempre terás o corazon máis grande, bo, desprendido e espléndido que xamais coñecín. Se alguén non tiña, non importaba, xa tiñas ti para ambos, houbese moito ou pouco, iso non importaba.

Como é de agardar no grande, único home que fuches e sempre serás, xamais, pero xamais deixabas a naide tirado. Se alguén te acompañaba, aínda que estivesedes nun amplo grupo, sempre estabas pendente del. Del e de todos, especialmete se vías a alguen que estaba triste ou cun problema, aí estabas ti, para animalo como so ti tiñas a capacidade de animar, facerlle ver as cousas dende outra perspectiva, ao mesmo tempo que buscabas con el a solución. E poño por testigo disto a centos, miles cecais, de persoas. Así como tampouco te vin negarlle xamais un favor a naide, fose quen fose o que cho pedise, se tratase de algo grave ou de menor importancia, ti xamais te negabas, grande entre grandes.

Sei que uns cantos non che aplicaron a mesma medida, Luis, seino ben, e que che pagaron a túa benquerencia coa traizón. Pero aí, noso amigo da alma, radica a diferenza entre os mediocres, chámense como se chamen e sexan quen sexan, e os máis grandes, os únicos coma ti. Por iso, o oco que queda é un oco imposible de cubrir. Simplemente imposible para todos os que te coñeciamos e principalmente, como non pode ser doutra maneira, para a túa marabillosa esposa, Fita, e para os teus tamén marabillosos fillos, Luis, Gabi, Gon, María e Alba. Somos sabedores de que para eles eras e sempre serás moito máis que un marido ou pai, en canto un gran amigo, o mellor dos amigos ou mesmo un ídolo. Dende aquí transmitirlles unha vez máis á familia o noso calor, cariño e amor. Sabedes que sempre estaremos ao voso carón, nos necesitedes ou non, para calquera cousa na que poidamos axudar, sempre ao voso carón.

Grazas, Luis, grazas! Eternamente, grazas, por coñecerte, por compartir xuntos tantos momentos de felicidade (e de tristura, que tamén, como non, os houbo), por miles de fermosísimas e desternillantisimas anécdotas, pola alegría sen igual que transmitías (so verte entrar pola porta facía que o corazón se nos iluminase, estivesemos como estivesemos, aburridos, tristes ou contentos e felices), pola túa bondade, xenerosidade e incondicionalidade.

Grazas por ser a anos luz o mellor amigo que un poida ter. Non podemos nin sabemos, nin moito menos queremos, dicirche adeus, cando menos eu. Sempre estarás no noso corazón, ao noso lado. Sempre con nós, LT, o máis grande, o mellor. No nome de centos, miles cecais,de persoas. Agardo ter estado á altura.

*Veciño da Rúa da Ponte (Lalín)

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine