Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

A Gran Conspiración

Nin que dicir ten, supoño a todos os -sempre moi amables- lectores destas crónicas semanais perfectamente ao cabo do, polo demais, célebre episodio bíblico. Velaí que, segundo relata o Xénese, 18, Iaveh reveloulle a Abraham que, en vista dos graves e continuados pecados cometidos polos habitantes de Sodoma, tomara a decisión de destruír a perversa cidade mediante unha columna de lume enviada, súpeta e directamente, desde o límite das derradeiras galaxias Abraiado, o bondadoso patriarca intercedeu, daquela, por eles, preguntándolle á Divindade se, no caso de que fosen atopados cincuenta xustos, non daría marcha atrás na terrible punición. Misericordioso, Iaveh cedeu non só no caso de cincuenta, senón aínda nesoutros de corenta, trinta, vinte... dez xustos. Desafortunadamente, non foi posible atopar semellante número de limpos cidadáns na riberia do mar Morto e tan só Lot -sobriño de Abraham- e mais a súa familia puideron ser salvados.

O Gran Teatro da Segunda Transición deu comezo, a pouco que Vdes. fagan memoria, con aquilo, tan cinematográfico, de Albert Rivera arredor de "salvar al soldado Sánchez". Viñan coincidir, xa que logo, os uns e mais os outros, amigos ou alleos, en que o líder da socialdemocracia española resultaba ser unha figura tan débil, a contar con tan escaso pouso na súa propia formación, que cumpría mesmo dun eficaz desembarco en Normandía-Ferraz Beach, pero dirixido desde o Cuartel Xeral de Génova, a fin de que non pasase á historia patria algo así como "Pedro, El Breve". Sen embargo, nunha das abraiantes reviravoltas do guión, eis que Moisés-Mariano e familia, lonxe de se abeiraren ao camiño que conduce cara á Terra Prometida dun novo goberno popular, impresionados polas uvas xigantescas e demais fecundidades do país pero sobre todo polas difíciles murallas e a elevada estatura dos seus defensores, pouco menos que se sublevaron contra a Providencia, rexeitando o patriarca das barbas canas e as lentes de miope calquera encargo ao respecto. Certamente, trátase de toda unha actitude rebelde que ben pode ser aplaudida -e premiada- no Festival de Sundance, Robert Redford mediante. Con todo, nada máis propio da Sétima Arte que os relatos procedentes do Antigo e Novo Testamento. En consecuencia, nada máis insensato así mesmo que alzarse en armas contra o poder de Xeová/Hollywood; porque sabido é, urbi et orbi, que as Alturas castigan sen pau e sen pedra. E se fai falta, castigan mesmo con moitos paus e con moitas pedras! Escrito está, alén diso, no Libro dos Números e nesoutro do Deuteronomio como foi que os Superpoderes determinaron que ningún dos maiores, de entre as hostes populares, habería de ultrapasar as estremas das chairas de Moab. Desde o cume do monte Nebo, Charlton Heston/Mariano Rajoy pode contemplar aínda, iso si, o espazo fértil ao que a súa xeración xa non poderá acceder for ever and ever; as estrelas e mais as nubes da Paramount Pictures brillando ao fondo da gran pantalla.

Con excepción, pois, dalgúns recalcitrantes, testáns e pailarocos xurásicos dos Madriles -e, canda elas, de certas terminais de terminais marulas da Estrada e/ou Forcarei- quen máis, quen menos, todo quisqui,everybody coñece que, antes que no goberno da Gran Coalición, entraremos nesoutro que D. Jorge Fernández Díaz cualifica como produto da "Gran Conspiración". Tan só que, de acordo co insigne membro da Obra e (aínda!) ministro do Interior, a tal conxura está argallada pola Internacional Titereteira -ao servizo de Alka-Eta-, contando co amparo dos xuíces vendidos á anti-España e non, como si procede de veras, produto das reflexións, necesidades e ditames desde o taboleiro do Grande Interés. Desde logo, que máis quixera este seu modesto cronista que dispoñer dos saberes dun "ibex35lólogo", "bancalólogo" e/ou "zarzuelólogo" -saiban disimular Vdes. os palabros-, pero non fai falta doutorarse en gurú, ou iso penso, para entender que podendo moi ben alicerzar a mesa sobre dúas sólidas patas, por que contentarse apenas con estoutra e, para colmo, decididamente coxa que fornecen o Sr. Rajoy e correlixionarios?

"Moi ben; estupendo, pero agora responda, Sr. Pena -ben pode retrucarme calquera de Vdes., desde logo- : e, ao final do conto, Gran Conspiración ou Gran Coalición? Porque, polo momento, nada de nada." E levan razón: mais é o caso que non fixo un servidor a carreira de pitoniso, precisamente, nin tampouco teño á man ningunha bóla de cristal. Mais con todo, e a pouco que repasemos o estado da función: non lles parece abraiante, meus, un tanto sinulgar que, chegados á hora suprema, PP e Podemos vaian votar, e repetidamente e exactamente, a mesma cousa? "Eu paso"; "pois eu paso tamén": polo momento, tal semella que ninguén se decida. Agora ben, tampouco ninguén, polo momento -fóra desa última escena en plan dignidade ofendida por parte dos seguidores de D. Pablo Iglesias-, acaba por abandonar a mesa. Díxoo, nin máis nin menos que D. Camilo José Cela: "En España, el que resiste, gana."

Compartir el artículo

stats