Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Xa será unha broma

Ten que ser unha broma. Pesada, de mal gusto pero broma a fin de contas. Hoxe acordei coa nova da fusión-relampo dos concelhos de Cerdedo e Cotobade e coidei que se trataba dun pesadelo. Xa na tarde anterior algún voluntarioso me deixara un libelo na caixa do correo pero non lhe dei maior importancia. Algunha caralhada do Balsi, pensei antes de guindalo a un lado. Axinha fun mercar o xornal e, xa na portada, vexo ó Rueda, ó Cubelinha, ó Balseiros e ó Feijóo colhidos das mans (dereitas). Era unha xuntanza dos do birrete (agás Balseiros que é dos da boina) que acordaran con renartería, alevosía e secretismo fusionar ámbolos dous concelhos da conca do Lérez nun só (Cotocerde?).

Xa na casa, boteilhe un olho ó libelo e, efectivamente, era outra das agudezas do Balsi impresa á présa nun A3 pregado máis un folio cunha cartinha con membrete do Concelho, todo elo escrito co mesmo estilo simplón de sempre. Son frases sen fundamento, indocumentadas, demagogas que nada explican pero deixáronme un non sei que de preocupación e desconfianza pois, lonxe de satisface-la minha curiosidade, enchéronme de dúbidas e inquedanza: A que vén isto? Que planea Balseiros? Quen vai a sacar talhada disto? Que pasa con Forcarei? Por que non se integran Campo Lameiro con Cotobade que tería moita máis lóxica? Que pasa coa comarca Terra de Montes ou Tabeirós- Terra de Montes? Por que esta política de feitos consumados? Por que asinan o acordo os "catro xinetes do apocalipsis" e despois informan ós vecinhos cando o lóxico e normal -o que dicta o sentidinho común- sería informar, consultar, analizar, debater, acordar e, por último, proceder se se dan as circunstancia favorables?.Niso consiste a democracia. O sospeitoso proceder destes catro só ten un nome: caciquismo.

Terra de Montes é unha comarca milenaria. O primeiros povoadores que se lhe conhecen son os metacios, unha tribo pre-romana de afout@s labreg@s-guerreir@s que deron manta a coser ás lexións do César defendendo esta comarca desde os esgrevios outeiros das serras do Cando e o Candán. Que pensaría esta xente se vira como a súa terra se divide pura e simplemente porque o alcaldinho de Cerdedo non traga á alcaldesa de Forcarei...Rirían? Chorarían? Cagaríanse na nai dalgún.

Terra de Montes é a Terra Nai de Virxilio Viéitez, de Martinho Sarmento, de Avelino Cachafeiro, de Outeiro Espasandín, dos Gosende...e a ningún deles sinto extranho. Nunca miro se son de Cerdedo ou Forcarei; todos eles son meus. Pero Cotobade é outra cousa. Non me sinto Cotobadés pese a amar esa terra, a ter moitos amigos nela, a pasar por ela a cotío, a percorrer as súas aldeas, os seus ríos e montes, a aprezar cada anaquiño da súa magna historia...pero non me sinto dalí e crean que o sinto pero eu son terramontés con tódalas consecuencias, malia non ter nacido nestas terras.

E Forcarei? A Forcarei bástalhe ter o Candán e o Lérez para ser única. Nela nace o lérez, o río da Vida que dá de beber ás vilas por onde pasa e dá de beber a quen pasa na vila de Pontevedra. Pontevedra sen o Lérez non existiría e o Lérez sen Forcarei tampouco.

Unirse a Cotobade deixando fóra a Forcarei é unha animalada que non se lhe ocurriría nin ó que asou a manteiga. Para iso fai falta ter moita cara, pouca vergonha e ningún sentido do ridículo. E a min cónstame que ós catro da foto, o que é rostro tenhen para exportar.

Mesmo así, o Cubelinha non tería problema ningún para ser o alcalde do futuro concelho, caso de se presentar, con maioría. Ademais o rapaz parece ben espelido pero a min o que me preocupa é Balseiros. Que é o que trama realmente Balseiros?

*Veciño de Cerdedo

Compartir el artículo

stats