Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

LITTERAE LITTERARUM

Ars scribendi na rede

A rede é, indubidablemente, a maior e quizais a única vía de comunicación global existente para un escritor que desexe iniciarse no oficio. De tal maneira é así, que o concepto de xéneros literarios agrupados primitivamente en tres principais (novela, teatro, poesía) ten mudado tanto que hoxe mesmo pode considerarse como un xénero literario dentro doutros xéneros un simple vídeo de apenas dez segundos sen ter que cualificarse como unha manifestación artística.

Aínda me lembro dos choqueiros e desafortunados comentarios da escritora Úrsula Heinze aló polo ano 90, a un servidor, cando eu insinuaba a posibilidade de que a literatura por e para ordenadores fose unha realidade non moi afastada. Imaxino que hoxe, como é natural, xa estará máis integrada nas cousas relacionadas co funcionamento da rede. Mais daquelas a maior parte dos escritores en galego asumían as dificultades de iniciarse na literatura coas máquinas computadoras, algo comprensible tendo en conta que non se coñecían os móbiles nin a rede. Por iso admiro o valor de escritores como Carlos Casares, precursores do uso dos portátiles para escribir, pois sinceramente, hoxe escribir directamente sobre o papel resulta un labor que roza o prehistórico.

Tablets

Por outra banda, dende que se xeneralizou o uso das tablets logo de que Apple sacara á venta aló polo 2010 o Ipad, e a posteriori o uso dos móbiles como pequenos ordenadores, as plataformas nas que un xove escritor pode iniciarse son enormemente dispares. Escribir unha novela a través de Whatsapp é sumamente sinxelo e doado, e publicar un "epub" en moitas editoriais on-line é gratuíto, e se un quere iniciarse en escribir, existen programas como Wattpad cos que pode experimentar previamente á versión publicada se a súa idea é boa. E sen entrar nas infinitas páxinas e programas da rede cos que un pode escribir libremente aportando as súas ideas, direi que calquera, tendo ganas de facelo, pode escribir a súa primeira obra literaria a través da rede sen maior problema.

Outra cousa, pola contra, é a calidade, algo que comprobo como alma que leva o demo que non se revisa, pois contratar a alguén que cho faga talvez esixe desembolso de cartos. Non sei se ese é o motivo polo que me sucede que ultimamente me embarco na compra dalgúns libros electrónicos que teñen títulos rechamantes, malia que neles o que máis chama a atención é a impudente e cutre calidade literaria, alén de chea de erros gramaticais e ortográficos. Tal vez fora mellor, pois, manterme á espera de que cheguen mellores tempos para a lírica.

Compartir el artículo

stats