Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Inza o corzo

Hai cincuenta anos o corzo era o a única especia cornúpeta da Galicia Salvaxe. Víctor López Seoane, en 1863, daba por desaparecidos os cervos e falaba, se tal, que nunha sima do Courel aparecera un vello corno de gamo como todo vestixio desta especie. As cabras do monte foran exterminadas na metade do século XIX. Os de Lobios cazábannas no Xurés con ichós xigantescos. Do Xurés deberon de desaparecer a cabra, hoxe felizmente reintroducida, canda os ursos derradeiros. Eu estiven, de adolescente, nunha cazata de corzos na serra de San Mamede, por onda Monterramo. Ese é un dos meus meirantes remorsos. O home prehistórico e protohistórico, pudicamente chamado "castrexo" ou "do Noroeste" polos os máis dos nosos arqueólogos, veneraba o cervo e gravaba maravillosamente o seu perfil nas laxes.

Un debuxo lítico, perfecto ofrece a estampa dalgo que pode representar un cérvido que se reflecte na auga. Como o animal ten a corna pequena, interpretaremos que se trate dun corzo. Os corzos, pois, nunca se foron de Galicia. Formoso e cativeiro, rabo elemental, corna de tres galiñas, "Capreolus capreolus", ou sexa, o corzo, fixo nos pasados vintecinco anos un estoupido demográfico. De non vivir máis ca nas montañas orientais de Galicia, e non en todas, o corzo multiplicouse e atreveuse a ampliar os seus territorios.

Eu calculo que o aumento da poboación de corzos favorecerá o lobo, sempre precarizado, a quen as autoridades lle retiraron a carniza do monte e os depósitos de lixo abertos. O corzo e o lobo coñécense desde a noite dos tempos e se cadra estean a vivir unha nova xeira xuntos. A Darío-Xohán Cabana, que reside en Romeán, despois de pasar Fazais, ou sexa na capital imperial de Lugo, foille cair un corzo nunha presa e o infeliz animal morreu afogado. Hai corzos en Lugo, e chegaron aos montes de Chaira, en Celanova, por alí vense triscar, coma fan os cérvidos no "Cantar dos Cantares".

Amosánse timidamente, pola Terra de Montes, non lonxe de Pontevedra. E tamén na Galicia mindoniense. Todo se debe a un mal: a retirada da agricultura e a reforestación natural, alén da provocada, de Galicia. Galicia despobóase, morre a agricultura, e o corzo volve campar por territorios que perden aceleradamente humanidade.

Compartir el artículo

stats