tribuna del lector

Enrique Peinador, a reconstrucción dunha biografía

22.02.2016 | 01:16
Enrique Peinador, a reconstrucción dunha biografía

Enrique Peinador Lines xa ten biografía. Escribíuna o historiador Ricardo Gurriarán logo dunha laboriosísima investigación. Pouco se tiña escrito sobre unha personalidade tan relevante da economía e política galega do primeiro terzo do século pasado. Reconstruír a súa memoria foi un dos obxectivos do Foro E. Peinador.

De Enrique Peinador Lines coñeciamos as súas acertadas xestións empresariais ao fronte do Balneario de Mondariz das que dan conta dúas documentadas teses doutorais. Estes estudos académicos infórmannos da importancia das súas instalacións e a completísima oferta para unha clientela selecta e esixente procedente de aquén alén das nosas fronteiras. Sabemos tamén que na embotelladora de Mondariz embotellábanse dez mil envases de auga mineral diarios con destino a moitos países latinoamericanos e europeos, lugares de procedencia de moitos dos hóspedes das instalacións balnearias.

Enrique Peinador tivo un papel sobranceiro na construción das Irmandades da Fala e en todas as iniciativas culturais e políticas dese período tan importante para Galicia. Foron tantas que, en certa ocasión, cando llas relatei a un coñecido empresario pouco afecto á causa galega, díxome que tal personaxe era unha invención miña. Claro que existíu!, e nós, -díxenlle- ímos reconstruír a súa biografía inxustamente agochada por causas inxustificables.

Como dirixente do Consello Executivo do Partido Galeguista viaxou a Madrid para entrevistarse con Portela Valladares, que entón era ministro de Gobernación, para interceder por Castelao e Bóveda que foran sancionados con cadansúa pena de desterro polo goberno de Lerroux. Nesa mesma viaxe a Madrid, acompañado por Alexandre Bóveda, mantivo unha xuntanza na casa de Azaña para falar do Estatuto de Autonomía e establecer un pacto para a súa materialización plebiscitaria cos dirixentes de Izquierda Republicana. En 1935, como delegado do Partido Galeguista, visita no cárcere Modelo de Madrid ao president da Generalitat, Lluís Companys, para amosarlle a súa solidariedade e a do Partido Galeguista. Participou na constitución de Galeuzca, unha organización que garantía o compromiso do apoio mútuo no servizo dos ideais comúns, que se materializou por mor dun conflito de competencias entre o goberno central e a Generalitat. Importante tamén foi a súa participación no Pacto/Manifesto de Barrantes celebrado o 25 de setembro de 1930, que foi a resposta para neutralizar o outro celebrado en Lestrobe.

Na orde cultural salientamos os seus apoios á Real Academia Galega, Seminario de Estudos Galegos e á revista "Nós", que deste xeito puido ter continuidade en xullo do ano 1925 despois de dous anos de interrupción por falta de medios económicos, como o acredita Vicente Risco nunha carta agora recuperada. A el débeselle o primeiro museo etnográfico de Galicia localizado na finca de Pías; a edición de libros en galego e as chamadas "festas galegas" que se celebraban para deleite dos hóspedes, nun intento pedagóxico de universalizar a nosa cultura e lingua.

Por iniciativa súa, Mondariz tivo varias agrupacións musicais -coros, grupos de gaitas e banda de música- e un grupo de declamación, que representaba obras de teatro en lingua galega; todas elas integradas por traballadores do Balneario. Na súa imprenta editáronse libros e as dúas publicación periódicas, "Mondariz" e "La Temporada", nas que se mesturaban as colaboracións científicas coa divulgación do patrimonio cultural da comarca e de Galicia.

Orixinais foron os seus convenios coa Facultade de Medicina da USC para crear áreas de investigación hidrolóxica ou o proxecto da chamada Casa de América en Mondariz, que servise de centro de comunicación constante coa emigración de Latinoamérica. El e seu pai foron os deseñadores da vertebración da gran área metropolitana de Vigo coa creación da empresa de tranvía que uniría Vigo con Mondariz.

O Foro E. Peinador dedícalle este ano o Día da Galeguidade Empresarial, que inclúe a edición da devandita biografía e a colocación dunha estatua súa, obra do escultor José Molares, que será instalada nas inmediacións da Escola de Empresarias de Vigo, ubicación natural para que os alumnos do centro estuden e imiten o seu exemplo de bo xestor empresarial e galeguista.

Presidente do Foro E. Peinador

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine