Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Dende o meu sofá

Os preocupados, os camelos

O que non se airea podrece. Agora, xanelas rotas, o agochado en tempos mellores coa nosa efusiva complicidade, enche o noso aire dun cheiro nauseabundo.

Non se trata de ser melodramáticos pero é tremendo que teñan que vir estes grandes golpes para que empecemos a "ver", para que comprobemos que o dito do imaxinario Vicente (ande eu quente, ría a xente) sempre agasalla cun infeliz final.

Que non, que eu non son o emperador do universo a quen todos deberían seguir e servir! E ti tampouco; aínda menos eles. As venias, licenzas, permisos e autorizacións para roubar e rirse ás costas dos "súbditos" non as posúe ninguén.

A pesar do suplicio social que supón é unha sorte que partise o espello no que só eles mesmos se miraban e do que nunca quixeron -nin queren- afastarse!

O literato Maurois tivo a coraxe de confesar a verdade que explica moito do acontecido. El, entre os poderosos franceses na II Guerra Mundial, chegou a dicir: Cando empecei a vivir no campo dos que mandan, foime imposible durante moito tempo comprender as penas dos que son mandados.

E é que todo poder leva perigosamente na súa natureza a cegueira do que o posúe, xa que a néboa do orgullo do poderoso sempre cobre o val dos sometidos, e non se ve nada. Pracer, confort e luxos para uns poucos que agora se preocupan -vaia!- de que non son ben queridos polos cidadáns. Non deixa de ser esta unha curiosa preocupación xa que deberían saber ben que o diagnóstico é -foi e será- sempre o mesmo: Quen durante toda a súa vida non fai outra cousa que contemplarse e adorarse, remata sempre na máis absoluta soidade.

Día tras día... Isto pode mellorar? Sen dúbida. Pódese cambiar? En parte. No substancial, un ser humano (ningún perfecto!) seguirá sendo sempre o que é; pero pode ser o que é sendo moito mellor. No mundo hai moita xente boa, moita máis honradez e moito máis amor do que nos imaxinamos. Atopar isto é ás veces un milagre; pero, por fortuna, os milagres existen. Aínda que é terrible ver como hai algúns que teimudamente seguen crendo -atinadamente- que hai construír algo novo pero -equivocadamente- sobre as mesmas columnas; esas que son a causa desta noxenta desgraza. Claro que nada trocará -que non!- mentres aquilo do evanxeo (é máis difícil que un rico entre no reino dos ceos...) siga a preocupar moito máis aos camelos que aos ricos. Creo.

Compartir el artículo

stats